martes. 21.04.2026
El tiempo

Nace a Plataforma Stop Biogás Laracha contra o proxecto industrial de Biometano de Soandres

Nace a Plataforma Stop Biogás Laracha contra o proxecto industrial de Biometano de Soandres 
Nace a Plataforma Stop Biogás Laracha contra o proxecto industrial de Biometano de Soandres

Non a quere o pleno do Concello da Laracha, pero tampouco o de Culleredo nin o de Arteixo. Non a quere a veciñanza. Non a queren ninguén pero a planta de biometano que se presente instalar no lugar de Vista Alegre, en Soandres continúa a súa tramitación administrativa. Ante esta ameaza, a veciñanza entende que a mobilización social e institucional é especialmente urxente, por iso comeza a organizarse e acaba de constituírs a plataforma cidadá STOP BIOGÁS A LARACHA.

A plataforma quere deixar claro desde o principio que non está en contra das enerxías renovables nin da transición enerxética, senón "en contra dun modelo de implantación desorganizado e inseguro que busca situar instalacións industriais de alto impacto en zonas rurais sensibles preto de núcleos poboados".

Neste caso, a oposición veciñal céntrase na localización escollida en Vista Alegre, un lugar que consideran "incompatible coa protección do patrimonio, os recursos hídricos, o entorno residencial e a calidade de vida da poboación local. Este proxecto segue activo e debe ser cancelado xa".
 

A plataforma considera que "a única solución razoable é a cancelación definitiva do proxecto na súa localización actual, xa que os seus impactos e riscos superan con creces calquera beneficio potencial para o concello".

Denuncian ademais que se trata dun "problema que se repite en toda España. O caso da Laracha non é illado. Conflitos semellantes están a xurdir en numerosos concellos de toda España relacionados con plantas de tratamento de biogás, biometano e residuos orgánicos situadas preto de vivendas e granxas".

Van á raíz do problema reside que sitúan na "ausencia de normativas estatais, autonómicas e municipais específicas que establezan criterios claros para este tipo de instalacións, entre elas: Distancias mínimas obrigatorias aos núcleos de poboación; zonas de exclusión preto de acuíferos, ríos e lugares patrimoniais protexidos; requisitos técnicos realistas de seguridade e control ambiental; solvencia financeira suficiente das empresas promotoras; ou garantías efectivas de participación cidadá".

Emprego mínimo e impacto máximo

Botan tamén por terra o habitual argumento para blanquear estes proxectos: o do emprego e o retorno económico. Segundo a plataforma, e tal e como se recolle no proxecto presentado polo promotor, a instalación xeraría menos de 10 empregos directos, unha cifra que consideran claramente insuficiente en comparación cos impactos que soportaría o municipio.

"Falar de desenvolvemento local con menos de dez empregos e a cambio de malos olores, tráfico pesado, riscos ambientais e degradación ambiental é simplemente ridículo", afirmou a organización.

Ademais dos impactos xa coñecidos, a plataforma alerta sobre un problema frecuentemente minimizado: o dixestato resultante do proceso industrial. Este subproduto xérase en grandes volumes tras a dixestión anaeróbica e, lonxe de resolver o problema inicial, crea un novo relacionado coa súa xestión. Segundo a plataforma, "en moitas instalacións similares, o dixestato acaba sendo utilizado como fertilizante agrícola en terreos próximos", e a veciñanza advirte de que "este material pode conter altos niveis de nitróxeno, fósforo, sales, metais pesados ​​e outros contaminantes dependendo da orixe dos residuos tratados, co consecuente risco de contaminación de solos agrícolas, lixiviacións a acuíferos subterráneos, sobrefertilización de parcelas próximas, cheiros persistentes e molestias adicionais.
- Transferencia do problema ambiental da planta ao rural".

Outros impactos

A veciñanza manifesta a súa preocupación tamén polo impacto potencial en xacementos arqueolóxicos catalogados na contorna inmediata; pola localización da planta na cabeceira do río Anllóns, pola proximidade a vivendas habitadas, e polo tráfico continuo de camións de recollida de lixo.

Nova reunión informativa

A entidade recorda e invita a todos os veciños que asistan á reunión informativa organizada polo Concello da Laracha na Casa da Cultura o mércores 22 de abril ás 20:00 horas.
 

Máis novas do proxecto

Comentarios