Tres sesións para unha nova Primavera Teatral en Paiosaco
A programación deste ano presenta tres propostas escénicas de estilos diversos, que combinan humor, simbolismo e reflexión contemporánea co obxectivo de ofrecer unha oferta variada e accesible para a veciñanza. As obras incluídas nesta edición son as seguintes:
• Venres 10: Os dous de sempre, de Mofa e Befa (Producións Teatrais Excéntricas).
Inspirada no universo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a montaxe presenta a Pedriño e Rañolas, dous personaxes antagónicos pero inseparables que encarnan a oposición entre idealismo e materialismo. A través do humor e da tradición dos pallasos populares, a obra constrúe unha comedia profundamente ligada á identidade cultural galega e ao retrato da condición humana. Interpretada por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto baixo a dirección de Quico Cadaval.
• Venres 17: Abra da Cabra, de Lila Teatro.
Unha proposta que transita entre o simbolismo e o realismo máxico para narrar a historia dunha cabra montesa que decide convivir co ser humano. A peza desenvolve unha viaxe tan delirante como reflexiva sobre o proceso civilizatorio, a adaptación e o conflito entre natureza e sociedade.
• Venres 24: Entre dos, de Interesarte.
Comedia retrofuturista protagonizada por Teté Delgado e Julio Pereira que convida a desconectar e deixarse levar polo ritmo do directo. A obra aborda, en clave de humor, cuestións relacionadas coa parella, as fantasías e o sexo na sociedade actual.
