Novos traballos do Obradoiro de Emprego da Laracha no paseo do Anllóns
Os alumnos traballadores e o persoal docente da especialidade de carpintería do Obradoiro de emprego A Laracha VI continúan desenvolvendo a formación práctica e teórica previstas neste programa dual organizado polo Concello coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Desde hai varias semanas están a executar as obras programadas no paseo fluvial do río Anllóns, fase na que aplican a aprendizaxe adquirida previamente tanto nas aulas durante as clases teóricas como no taller.
Os traballos que se están acometer comezaron coa limpeza e reparación de táboas danadas en todo o percorrido da pasarela de madeira de máis de dous quilómetros e medio entre Gabenlle e O Formigueiro. Agora as intervencións concéntranse na zona máis próxima á entrada desde Gabenlle, onde se refixo un tramo duns sesenta metros do paseo –incluíndo o pasamán- e estase a aplicar un verniz antideslizante.
Ademais, tamén están a substituír as papeleiras ao longo de todo o percorrido por outras novas, tamén de madeira, e fabricadas polos propios alumnos no taller.