O 8M da Laracha inclúe un "escape room" de Estrelas
O Concello da laracha presenta o programa de actividades que se vai realizar en torno ao 8 de marzo para celebrar o Día Internacional da Muller e no que se convida a participar a toda a cidadanía larachesa.
O acto central será o propio venres 8 de marzo. Ás 19:00 horas na Praza do Concello haberá unha concentración cidadá na que se lerá un manifesto institucional. Será a cargo do representantes do Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia (PLIA) e tamén das principais asociacións culturais do municipio, como son Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión.
Escape Room ‘Estrelas’
Pero a novidade chegará o sábado 9 de marzo proponse unha novidosa actividade a realizar desde as 19:00 horas na Praza Les Sables d’Olonne. Trátase do escape room ‘Estrelas’, unha experiencia a modo de xogo de escapismo na que serán protagonistas as mulleres máis apaixonantes da historia.
‘Estrelas’ constará de dúas partes, sendo a primeira unha charla técnica na que se explicarán a dinámica e as regras, formaranse os equipos e repartirase o material. A segunda consistirá no desenvolvemento da proba, na que os equipos deberán buscar a información pola contorna coa axuda dun mapa e guiándose por material gráfico e sonoro.
A actividade márcase como obxectivos visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres na historia da humanidade, sensibilizar sobre a importancia de educar en igualdade para favorecer a liberdade feminina, formar en valores e actitudes de non discriminación e previr a violencia de xénero.
O escape room ‘Estrelas’ vai dirixido a todos os públicos, pero recomendado especialmente ao familiar e a maiores de dez anos de idade. Requírese inscrición previa, que é gratuíta e xa pode formalizarse en liña cubrindo o formulario que está dispoñible na web municipal e nas redes sociais do Concello, ou ben acudindo ao Edificio Administrativo da Laracha. As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición.