O programa do 25N chega ás escolas da Laracha con obradoiros de educación afectivo sexual
O Concello da Laracha inclúe no programa polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero, unha serie de necesarios obradoiros de educación afectivo sexual. De feito, xa comezaron a impartirse nos centros de ensino en horario lectivo e continuarán ata datas antes das vacacións de Nadal, tendo un espazo moi destacado nesta programación municipal. Participa o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión, así como o de secundaria do IES Agra de Leborís. Entre os contidos a abordar, que foron consensuados cos equipos directivos e as orientadoras dos catro centros, salientan os bos tratos, o uso responsable da internet e as redes sociais e a desmitificación da pornografía.
Andaina e Teatro
Como é tradición na Laracha, o programa municipal en torno ao 25N tamén inclúe unha das funcións do ciclo Venres Teatrais. Será a do día 22 de novembro coa obra Testosterona. unha comedia na que Luis Iglesia e Camila Bossa dan vida a dous subdirectores dun importante medio de comunicación que aspiran a asumir a dirección do mesmo. A peza propón unha reflexión sobre a desigualdade laboral.
Por último, o sábado 23 de novembro terá lugar a cuarta edición da andaina A Laracha unida fronte as violencias machistas na que se convida a participar a persoas de todas as idades. Sairase da Praza do Concello ás 11:00 horas, lugar no que tamén está fixado o punto de regreso tras percorrer unha distancia de cinco quilómetros.