O Obradoiro de Emprego da Laracha deixa 20 novas persoas formadas
Concluíu o obradoiro de emprego A Laracha VIII, unha iniciativa do Concello e a Xunta de Galicia grazas á que vinte persoas foron formadas nas especialidades de operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción e na de traballos de carpintería e moble.
O acto de clausura, celebrado hoxe nunha das aulas do Edificio Administrativo da Laracha na que se levou a cabo a formación práctica, estivo copresidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e a delegada da Xunta, Belén do Campo.
Ademais de mellorar a súa empregabilidade con formación específica, o rexedor parabenizou aos alumn@s/traballador@s porque “cando pasedes polo Castro de Montes Claros, os centros socioculturais de Erboedo e de Cumiáns, os campos de fútbol A Porta Santa de Paiosaco e o de Vista Alegre, e polo paseo fluvial do Anllóns, poderedes dicir que vós participastes na mellora deses lugares”.
Belén do Campo fixo referencia ao “compromiso da Xunta co emprego” cun investimento de 750.000 euros neste programa que posibilita aos desempregados “ter mellor formación grazas para facilitar a inserción no mercado laboral cun emprego de calidade”.