Paiosaco prepárase para a festa das Cereixas

Xa hai data e cartel para a Festa das Cereixas de Paiosaco, declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia. Será a primeira fin de semana de xullo, os días 5 e 6, e será no recinto feiral precisamente onde se presentou onte o cartel nun acto no que estiveron o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela; a concelleira da área de Festas, Patricia Bello; e os membros da Comisión de Festas de Paiosaco que son coorganizadores do evento.
A programación comeza o sábado 5 cunha sesión vermú amenizada polo Dúo Matices, e continúa pola noite coa verbena da man da orquestra Kubo e unha sesión de disco móbil para seguir gozando da festa ata a madrugada.
O domingo 6 de xullo será o día grande coa Feira das Cereixas, a feira máis importante do ano en Paiosaco e tamén a celebración gastronómica máis relevante do concello da Laracha. Ao longo da xornada os asistentes poderán desfrutar dunha ampla programación cultural e musical pensada para todos os públicos.

Durante toda a mañá, no stand do Concello ofrecerase información turística e haberá unha foodtruck na que degustar, de balde, produtos elaborados a base de cereixas. Ás 11:00 horas realizarase o obradoiro Do óso ao brote: a viaxe da cereixa, dirixido ao público infantil e familiar. A actividade explicará o proceso de produción da cereixa, sensibilizando sobre o proceso de crecemento dunha árbore froiteira, valorando o traballo dos produtores e fomentando o respecto polos ciclos naturais.
A charanga Kilomberos de Monte Alto porá a nota festiva durante a feira a partir das 12:00 horas. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, terá lugar unha actuación de música e baile tradicional galegos a cargo da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco. Pola noite, as 21:30 horas o grupo Os Meliados, tamén de música tradicional, dará paso ao concerto estelar de Xurxo Fernandes, previsto para as 22:30 horas. O músico coruñés porá en escena o seu espectáculo Levaino!, no que achega unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, mesturando os sons máis arcaicos da Galicia primitiva, acompañados de pandeireta, co exotismo do Mediterráneo oriental e instrumentación moderna. Na fin de festa haberá fogos artificiais.
Colaboran na organización co Concello e a Comisión de Festas de Paiosaco a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Abanca.