luns. 24.11.2025
El tiempo

Un Paso Máis ten claro o camiño da inclusión: o xadrez como un espazo de encontro e aprendizaxe sen condicións

Xadrez Inclusivo en Paiosaco con Un Paso mais
Un Paso Máis ten claro o camiño da inclusión: o xadrez como un espazo de encontro e aprendizaxe sen condicións

A Agrupación Deportiva Un Paso Máis viviu o pasado xoves unha intensa e exitosa xornada de promoción, demostrando o poder universal do xadrez como ferramenta pedagóxica e socializadora en dous eventos crave na comarca. Desde a mañá, a entidade conectou a comunidade escolar baixo a premisa de que o "deporte ciencia" non coñece barreiras.

A xornada arrincou co seu xa habitual obradoiro de xadrez educativo no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. O equipo, liderado polo monitor deportivo Adrián Monteseirín Suáres e o instrutor escolar de xadrez Valentín Costa Trillo, despregou unha sesión que se converteu nun éxito rotundo de participación e organización.

A impecable organización correu a cargo da ANPA Portasanta, coa estreita e "altamente implicada" colaboración do equipo directivo e do corpo docente do centro.

A actividade destacou polo seu carácter lúdico, integrador e masivo. Alumnado desde os cursos de Educación Infantil ata 6º de Primaria participou activamente, demostrando que as diferenzas de idade ou capacidade se esvaecen fronte ao taboleiro. Baixo a filosofía de "o xadrez é para todos", a mañá foi un auténtico exemplo de convivencia e diversión educativa, permitindo que todos os nenos e nenas gozaran da disciplina.

Xadrez Inclusivo en Paiosaco 1

O compromiso da AD Un Paso Máis non finalizou pola mañá. Xa pola tarde, a agrupación mantivo viva a chama do "deporte ciencia" desprazándose ao CEIP Plurilingüe A Gándara-Sofán.

Neste centro, a entidade continuou coa súa axenda ordinaria, impartindo as súas clases extraescolares de xadrez educativo, organizadas pola ANPA Raiante. Deste xeito, Un Paso Máis asegura a continuidade e o interese pola disciplina fóra do estrito horario lectivo.

Máis novas

 

Comentarios