Venres. 29.03.2024
El tiempo

Pasos do Servizo de Atención Temperá e da Mesa contra a Violencia de Xénero da Laracha

Imaxe da Mesa de Traballo sobre Violencia de Xénero
Pasos do Servizo de Atención Temperá e da Mesa contra a Violencia de Xénero da Laracha

A Laracha fai avanzar dous estamentos sociais.

Por un lado, o Servizo de Atención Temperá conta xa con 35 menores (de 0 a 6 anos) atendidos, dando conta a necesidade deste servizo de prevención sanitaria. Un servizo que continuará sendo unha realidade o ano que vén gracias ás axudas, confirmadas, da Consellería de Policía Social, que permiten ademais que o Concello poida reforzar o equipo do servizo con tres novos profesionais: psicólogo, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta, que se engaden ao logopeda co que xa contaba o programa.

É preciso lembrar que, en todo caso, a derivación das crianzas ao programa de atención temperá será a través do servizo de pediatría, ao que debe acudir a familia se sospeita que o cativo pode presentar un trastorno do desenvolvemento. Posteriormente será valorado polo equipo municipal de servizos socias. Pódese solicitar cita previa chamando ao 981612811.

Mesa de xénero

Do mesmo xeito, a Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou unha nova sesión no Salón de Plenos da Casa do Concello da Laracha.

Á reunión asistiron o alcalde -José Manuel López Varela- a concelleira de Muller -Rocío López-, a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha -Ana Aldao-, a pediatra do centro de saúde da Laracha e directores, directoras e orientadoras do IES Agra de Leborís, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Alfredo Brañas e CEIP de Caión.

O asunto que centrou a xuntanza foi a presentación e análise dunha guía elaborada polo Concello sobre os procedementos de actuación dos diferentes sectores profesionais representados na mesa ante a detección de posibles casos de violencia de xénero en menores de idade. O documento, que será mellorado e optimizado grazas ás achegas dos participantes na xuntanza, detalla como se debe proceder e a quen e como deben dirixirse para garantir a protección da vítima desde un primeiro momento.

Así mesmo, tamén se revisaron os mecanismos para mellorar a coordinación entre o Concello e os centros de ensino co centro de saúde.

Ademais, acordouse que na próxima reunión da mesa serán abordadas as propostas relativas á programación de actividades de prevención da violencia de xénero e outras condutas para o próximo curso escolar 2022-2023, que como cada ano estarán adaptadas ás idades dos diferentes colectivos tanto nos colexios como no instituto.

Comentarios