O festival de curtametraxes Premios Fouciño arranca hoxe xoves coa súa edición máis social

Arrinca hoxe, xoves 23 de outubro, esta potente e social V edición dos Premios Fouciño. Faino cun completísimo programa que convirte a Baio na capital galega do audiovisual poñendo o foco no “social, no innovador e sempre partindo desde o carácter local e íntimo das historias que se volven universais”, como afirman desde a organización.
"Detrás dos Premios Fouciño hai unha grande implicación tanto da veciñanza e como do tecido comercial, e iso fai que o noso municipio sexa un referente no sector audiovisual galego, un espazo no que teñen cabida tanto profesionais como novos talentos”, destaca o rexedor Manuel Muíño.
Falamos dun singular festival de curtametraxes no que participan profesionais e novos talentos de toda a comunidade e que está organizado polo Concello de Zas e a Asociación Premios Fouciño, coa colaboración da Deputación da Coruña.
Pero ademais das proxeccións, hai unha marea de actividades paralelas, que, na súa meirande parte, terán lugar no baixo do Edificio Plaza (ao carón de Pastelería Guindas).
O festival arranca mañá hoxe, a partir das 20:00 horas, cunha sesión inaugural na que estará o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. A continuación, proxectarase a curta “Pura”, de Carmen Méndez, madriña desta edición, e haberá un coloquio coa directora.
O venres continuará a programación a partir das 20:00 horas cunha sesión de proxección de curtas entre as que estarán “Delincuente”, de Alba Domínguez e Nuria Vil; “O Coidado”, de Miguel Canalejo; “Abellón”, de Fon Cortizo; e “La Casa de la Abuela”, de Ashling Ocampo. A sesión rematará coa actuación de Sofi Peries e cun karaoke cinéfilo no que haberá xurado, premios e queimada.
O sábado, o día grande
O sábado será o día grande dos Premios Fouciño. Ás 13:00 horas haberá dúas proxeccións: “Un peixe é un peixe é un peixe”, de Marilar Aleixandre e Alberto Pombo; e tamén se proxectará a curtametraxe realizada durante o obradoiro infantil coincidindo coa campaña comercial Punto Rojo de Baio, tamén organizada polo Concello de Zas e a Asociación BaiOn.
Ademais, o baiés Alejandro Gándara amosará en exclusiva as primeiras imaxes da súa última peza ‘A costa e os castelos’. Para rematar esta primeira cita do día actuarán Ramón Carballo e DJ Tristón.
Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas, proxectaranse as doce curtametraxes que participan no certame – seis na categoria xeral e seis na categoría escolar - . O público terá aquí un papel relevante xa que emitirá as súas votacións das curtametraxes e do concurso de escaparates no que participaron diferentes establecementos comerciais da vila.
O fin de festa trasladarase á Praza Jorge Mira, onde a partir das 22:00 horas se realizará a entrega de premios que estará acompañada dunha sesión de concertos na que actuarán Antía Muíño, Ulex, 9Louro e ToñitaDJ.