luns. 20.10.2025
El tiempo

UCIN denuncia"emisións contaminantes e cheiros insoportables" na planta de Cerámica Campo dA Laracha

Chimenea da Cerámica Campo - Laracha
UCIN denuncia"emisións contaminantes e cheiros insoportables" na planta de Cerámica Campo dA Laracha

A Unión de Ciudadanos Independientes (UCIN Galicia) expresa a súa profunda preocupación pola situación ambiental que viven os veciños da contorna da planta de Cerámica Campo, situada no municipio de A Laracha.

Durante os últimos meses, os residentes veñen denunciando a presenza de cheiros intensos e fume baixo procedente da cheminea da fábrica, especialmente perceptibles a plena luz do día e en xornadas de chuvia, cando o fume “non se levanta do chan”, segundo relatan.

Segundo indican os veciños, “antes só pasaba polas noites, pero agora o cheiro é constante, incluso a mediodía; hoxe mesmo, sobre as dúas, olía a gas. É insoportable, hai veces que hai que tapar a boca cando pasas polo polígono”.

UCIN Galicia destaca que, tras a rotura da cheminea principal, non se lle devolveu a altura orixinal, o que estaría provocando que as emisións non se dispersen correctamente, afectando directamente á calidade do aire e á saúde da veciñanza. “Non pedimos que pechen a cerámica, pero si que a poñan legal, que cumpra coa normativa e respecte o dereito dos cidadáns a un medio ambiente san”, sinala José Luis Calo, coordinador de UCIN Galicia.

A formación solicita á Xunta de Galicia, á Consellería de Medio Ambiente, e aos servizos de SEPRONA da Garda Civil que realicen unha inspección inmediata das emisións e publiquen os resultados dos controis ambientais. De confirmarse irregularidades, UCIN esixe a aplicación de sancións e medidas correctoras urxentes.

Comentarios