Martes. 16.04.2024
El tiempo

O pleno da Laracha aproba aproveitar medio millón do remanente

O pleno da Laracha aproba aproveitar medio millón do remanente

Celebrouse onte un pleno con pleno de unanimidade dos tres grupos municipais en todos os puntos que conformaban a orde do día.

O asunto máis destacado foi a aprobación dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario que posibilitará incorporar aos orzamentos municipais un total de 585.155,22 euros do remanente líquido de tesourería. Cartos que se empregarán:

  • 95.000 euros serán para a adquisición dunha parcela de preto de 9.000 metros cadrados de superficie en Paiosaco “que se destinará a equipamentos e está situada nas inmediacións do resto de instalacións públicas da vila como o CEIP Alfredo Brañas, o campo de fútbol A Porta Santa e o centro sociocultural, aos que servirá de complemento”.
  • 157.000 euros para construción dunha pista polideportiva descuberta no mesmo espazo.
  • 227.000 euros para a reforma integral do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.

O alcalde tamén explicou polo miúdo os propósitos da redacción dos estudos técnicos a financiar co remanente. Por unha parte está a posta en valor da carballeira de San Fins, recentemente adquirida polo Concello e que considera é “unha das mellor conservadas da Costa da Morte”. A pretensión é crear nas súas 2,5 hectáreas “zonas de recreo, pera sobre todo espazos para visitar con fins educativos e didácticos, e por iso queremos que o estudo o realice unha entidade de referencia nesa temática”. Por outra parte, financiarase tamén a redacción do Plan Especial do entorno da igrexa de San Martiño de Lestón, onde se creará unha praza con espazo de aparcamento e serán mellorados os accesos ao cemiterio e as comunicacións desde O Igrexario ata Fofelle e As Rañeiras, enlazando as dúas estradas.

Tamén houbo acordo pleno na aprobación da apertura de expedientes de investigación sobre o inventario de camiños para posibles modificacións do mesmo ante as solicitudes presentadas por particulares.

Así mesmo, acordouse formalmente poñer a disposición da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades os 13.761 metros cadrados de terreos situados xunto ao CEIP Otero Pedrayo recentemente adquiridos con fondos municipais co propósito de aumentar a superficie vinculada a ese centro, dos cales uns 12.000 metros serían para futuros equipamentos e dotacións. As primeiras actuacións, que se prevé iniciar xa neste verán, son a creación dun novo peche perimetral nesa zona e o acondicionamento dun acceso principal para os autobuses do transporte escolar, así como áreas de estacionamento.

Por último, a unanimidade repetiuse na aprobación de dúas mocións. Nunha delas ínstase á Deputación da Coruña, como titular das vías, a mellorar as estradas DP-1913 A Laracha-Canteira de Soandres e a DP-0513 entre Paiosaco e Caión, neste última caso solicitando unha intervención urxente para renovar o pavimento e os pasos para peóns no único acceso rodado á vila de Caión pola Avenida da Laracha.
A outra moción tivo por finalidade a adhesión do Concello da Laracha á declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas, e remitir o acordo á Fundación Starlight.

Comentarios