A Primavera Teatral de Paiosaco alcanza a súa 14ª edición

10:32 01/04/25
A Primavera Teatral regresa a Paiosaco durante o mes de abril coa súa 14ª edición, sendo a cita de referencia cultural desa localidade na programación cultural municipal.
Do mesmo xeito que nos anos anteriores, o cartel está formado por tres obras de diferentes xéneros, e todas elas con entrada gratuíta para o público ata completar o aforo da sala. Ofreceranse temáticas diversas e sen custe para os asistentes co propósito de fomentar a participación cultural e facer do teatro unha actividade accesible para todos os públicos.
Como é habitual, as funcións celebraranse sempre en venres, ás 21:00 horas e no Centro Sociocultural de Paiosaco, cos seguintes títulos e datas:
- Venres 4: Made in Galiza, de Sarabela Teatro. Escenificada por Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto, a peza é protagonizada por uns avós que non se entenden coa súa propia familia porque falan en diferentes idiomas. Trátase dunha comedia que abre as portas ao humor reflexivo sobre a lingua galega.
- Venres 11: As Gardías, ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures. Cun elenco composto por Casilda Alfaro, Melania Cruz, Amparo Martínez, Rebeca Montero e Sonia Rúa, o espectáculo reflexiona sobre os coidados á vellez, contrastando o mundo das residencias protexidas co calor humano da familia e a comunidade.
- Venres 25: Cortello de amor, de Amorodio Teatro. Comedia escenificada por Carmen Facorro e Javier Castiñeira que trata a problemática dos prezos dos alugueiros e do turismo non sostible.