mércores. 04.12.2024
El tiempo

O Programa Integrado de Emprego da Laracha conseguiu 54 insercións laborais

Clausura programa integrado de emprego da Laracha 2
Imaxe da Clausura programa integrado de emprego da Laracha
O Programa Integrado de Emprego da Laracha conseguiu 54 insercións laborais

O programa integrado de emprego que se desenvolveu na Laracha baixo a organización do Concello e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia concluíu deixando un balance de 54 participantes que accederon a un posto de traballo -dos cales 46 lograron a inserción laboral a día de hoxe- e outros 46 que melloraron a súa empregabilidade ampliando a formación e as competencias profesionais. Desde xeito superouse o propósito de inserción laboral inicialmente previsto, fixado no 41 %.

A concelleira de Emprego, Rocío López, e o director territorial de Emprego, Juan José Couce Prego, presidiron o acto de clausura celebrado hoxe na Casa da Cultura e entregaron, xunto coa técnica Ánxela Criado, aos participantes os diplomas que certifican a asistencia e aproveitamento da formación laboral completada a través do programa integrado de emprego.

Clausura programa integrado de emprego da Laracha
Clausura programa integrado de emprego da Laracha

Rocío López foi quen achegou as cifras que poñen de manifesto o éxito da iniciativa, apuntando tamén que foron tramitadas máis de 500 ofertas de emprego individualizadas. A edila animou aos cen participantes a aproveitar no futuro os coñecementos e experiencias adquiridas, apuntando que “o emprego e a formación para o emprego son unha prioridade para o Concello”. Tamén agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, xa que "sen ela sería imposible organizar este tipo de programas”.

Juan José Couce afirmou que o programa integrado de emprego “é froito do traballo conxunto das administracións” e pon de manifesto “o compromiso da Xunta de Galicia coa promoción do emprego”. Tamén aplaudiu “superar os obxectivos de inserción”, que considera é “unha parte fundamental”, e puxo en valor que os participantes obteñan “un certificado profesional que vos abrirá moitas portas para que poidades conseguir un emprego estable e de calidade”.


 

Comentarios