10 maiorías absolutas, 5 do BNG, 3 do PSdG e 2 do PP, e 8 concellos quedan pendentes dos pactos
Analizando os Resultados das Eleccións Municipais 2015 na Costa da Morte, vemos que temos 10 concellos nos que os veciños confiaron nun partido outorgándolle a maioría absoluta (5 do BNG, 3 do PSdG e só 2 do PP). Estes son José Muíño (PP) en Cabana; Pichurri (PSdG) en Camariñas; Evencio Ferrero (BNG) en Carballo; Ramón Noceda (BNG) en Carnota; José Manuel Pequeño (PSdG) en Dumbría; Eduardo Parga (PP) en Malpica; Juan José Blanco (BNG) en Mazaricos; Félix Porto (PSdG) en Muxía; Manuel Antelo (BNG) en Vimianzo; Lolo Muíño (BNG) en Zas.
Pactos ou gobernos en minoría
Pero outros 8 concellos quedan pendentes de posibles pactos, ou de gobernos en minoría, como son Cee, Corcubión, Coristanco, Fisterra, Laxe, Muros, Ponteceso e Santa Comba, que de contado analizamos:
Cee
Apretadísima queda a votación tralos comicios en Cee. Volve ser o IxCee de Ramón Vigo a forza máis votada, a pesar de todos os seus casos de suposta corrupción. Queda IxCee con 5 concelleiros, pero cómpre estar atentos porque un pacto do PP (4 edis) con Ciudadanos (1), un pacto que moitos xa daban por feito, e co PSdG (2), podería manter un goberno popular. En todo caso convírtense Plácido García Insua e, sobre todo, Margarita Lamela, en chaves de goberno.
Se non hai pactos, Vigo volvería ser alcalde en minoría, como hai 3 anos cando unha moción de censura entre PP e BNG lle quitaba o bastón.
Corcubión
Máis apretada aínda quedaron as votacións en Corcubión. Apenas 36 votos de diferencia entre o PSdG de Lalo Insua e o BNG de Xosé Ansede, que deixan aos socialistas como forza máis votada e que posiblemente terá que seguir gobernando, como ata agora, en minoría. Iso se non aparece un pacto, pois o PP volveu sacar 2 edís (non parece que Gema Freire estea disposta a pactar) pero tamén sacou presencia plenaria José Ramón Rojo. Na súa terceira intentona, o PACOR entra de cheo no pleno corcubionés, pero non poderá ser chave de goberno.
Coristanco
Tremenda a baixada do PP de Coristanco. Outro concello onde os supostos casos de corrupción si que fixeron mella. o PP baixopu case 800 votos pero só perde un concelleiro con respecto a 2011. 1 concelleiro que si que lle supón perder a maioría absoluta, pois un pacto entre TEGA (5), BNG e PSdG rompería cun goberno popular dende hai 24 anos, colocando a Amancio Lavandeira como novo alcalde.
Fisterra
Xa comentamos que Jose Marcote é un dos grandes nomes das Eleccións, e iso que non gañou. Foi o PP a forza máis votada pero parece claro un pacto PSdG-BNG que poña a Marcote como novo alcalde fisterrán tras 12 anos de Traba no goberno.
Laxe
Perdeu a maioría simple o PSdG trala renuncia do alcalde Anton Carracedo a seguir como candidato. Mantén os 5 concelleiros, con José Manuel Mouzo Castiñeira como número 1, pero a primeira forza pasa a ser o PP de José Luís Pérez Añón, con apenas 105 votos máis, tras unha subida do 13%. En todo caso, o BNG mativo a súa praza de edil para Xosé Manuel Pose Lema, que podería formar goberno cos socialistas e facer alcalde a Mouzo Castiñeira.
Muros
Queda complexo o pleno de Muros. Baixón espectacular do PSdG de Caridad González, de máis dun 11%, baixando dos 6 aos 4 concelleiros, e deixando de ser a forza máis votada. Agora, tamén con 4 concelleiros, o PP de Inés Monteagudo, podería formar goberno en minoría, pero teremos que estar pendentes porque a presencia de CxG como do BNG vai ser ampla, polo que calquera pacto podería ser factible.
Ponteceso
Contaban en Ponteceso cunha maioría clara do PP, pero as urnas falaron e deixan aberto un posible pactos das teóricas forzas de esquerdas para acabar co goberno popular. O PP baixou nada menos que 700 votos, quedando en 6 concelleiros como forza máis votada pero perdendo a maioría absoluta. APIN-SON duplicou case os seus votos e se coloca con 2 concelleiros, que sumados ao do BNG, podería deixar un panorama moi distinto no concello das terras de Pondal.
Santa Comba
Outra das voltas das Eleccións acontecía en Santa Comba. Prevíase unha votación moi apretada, e os resultados así o avalan. 5 concelleiros sacou o PSdG e outros 5 o PP, pero a subida do PSdG de 600 votos e a baixada do PP en 400 deixa a Ucha Velo como posible alcalde en minoría. Todo dependerá da vontade do TEGA de José Ameijeiras de facer pactos, pois ten 3 concelleiros que poden ser chave de goberno tras unha boa subida de 400 votos.
Novas relacionadas
- Os grandes nomes as Eleccións Municipais do #24M.
- Resultados das Eleccións Municipais 2015 na Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).