A Comarca de Muros, entre as que menor PIB por habitante teñen de toda Galicia


Moito temos falado de economía municipal co muradán Domingo Guerra. E tamén lle preguntaremos sobre estes datos de 2012 do IGE sobre produto Interior Bruto de Galicia (PIB).
Das 53 comarcas galegas, o IGE valora que as comarcas cun tecido industrial consolidado son as que teñen menores números, por iso as nosas comarcas non aparecen nas cabeceiras. E se o Eume, onde contan coa central das Pontes, contan cun PIB de 44.215€, na comarca de Muros (concellos de Muros e Carnota), á cola da táboa, temos unha media de 10.870€ por habitante e ano.
A especialización é unha das claves. O caso é que as comarcas de Bergantiños, Soneira, Xallas e Muros están incluidas no sector primario, mentres que a de Fisterra no sector de Industrias extractivas.

Un descenso da calidade de vida

Comparando cos datos do 2010, o PIB nas comarcas de Bergantiños, Fisterra e Muros descenderon entre un 4,1% e un 8%. Mentres que as de Soneira e Xallas o fixeron entre 0 e o 4,1%. En todo caso, o descenso do nivel de vida dos habitantes da costa da Morte é evidente.
Ademais, na táboa de abaixo vemos que ningunha das nosas comarcas supera a media galega, 19.599 euros de PIB por habitante.
Iso si, son varios os Concellos que a superan. Por exemplo Cee e Dumbría teñen un PIB máis dun 125% por riba da media. Pola súa parte, Vimianzo, Santa Comba e Carballo andan entre o 75% e o 100%, e o resto, entre o 50% e o 75% do PIB nacional.
PIB na Costa da Morte
Comarca | PIB 2012 | Var (%) 2010-2012 | PIB por habitante 2012 |
Bergantiños | 877 | -6,1 | 12.582 |
Fisterra | 413 | -5,9 | 17.558 |
Muros | 154 | -6,4 | 10.870 |
Soneira | 259 | -2,2 | 13.222 |
Xallas | 233 | -2,2 | 15.638 |
Notas
- O 45% do Produto Interior Bruto de Galicia (PIB) concéntrase nos sete grandes concellos de Galicia.
- E o 24,4% do Produto Interior Bruto de Galicia concéntrase nos concellos de Vigo e A Coruña.
- Vigo é o concello cun maior PIB, seguido da Coruña. Por comarcas, Coruña supera a Vigo e entre ambas comarcas concentran o 36% da actividade económica en Galicia.
- Os concellos cun maior PIB por habitante de Galicia son Muras, Carballeda de Valdeorras e As Pontes de García Rodríguez.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC cos datos de 2012 do IGE sobre produto Interior Bruto de Galicia (PIB) (info@quepasanacosta.gal).