Candela e Tania, a busca dun futuro no rural a través da artesanía

Candela Lema (@fios.decores, de Corme) e Tania (@amesacoqueta, Cabana), son dúas rapazas da Costa da Morte que queren quedar a vivir no rural. Vendo como as súas amizades collen as maletas cara ás cidades para poder desenvolver as súas carreiras profesionais, elas días escolleron a artesanía para intentar quedar nos seus lugares. “Emprender no rural é complicado pero tamén é o bonito, a esencia que lle poñemos a nosa marca”, explica Candela no Faiado.
Fíos de cores nace en Corme como unha marca artesanal fai cousa dun ano. “Toda a miña vida estiven rodeada de artesanía e creatividade e despois de crearme unha conta en instagram e ver a gran acollida que tivo decidín poñerme en serio con este proxecto e abrin páxina web a inicios deste ano. Cada peza que creo é única e creada con moito agarimo, basicamente dedícome ao ganchillo e a costura creativa”, explica Candela.
Pola súa banda, A Mesa Coqueta é un pequeno proxecto que “naceu polo amor polos detalles e os agasallos personalizados. Ao principio eran só cousiñas para decorar unha mesa e quedar como unha boa anfitrioa —manteis, candeas...— pero pouco a pouco foron saíndo tamén ideas de papelería e outros detalles. Ademais, é un momento bonito que comparto coa miña nai, facendo xuntas cousas que nos gustan ás dúas, pasando un bo rato mentres creamos”, explica Tania.
Un Mercadillo “vermello”
Estas dúas artistas, participantes na marabillosa canteira de monitoras da Escoliña de Verán do Couto, para apoiarse, están unindo as súas marcas para organizar un mercadillo conxunto o próximo sábado 17 de maio a partir das 17:00 na Casa de Vela en Cabana de Bergantiños. ”Ese día imos expoñer un pouco as nosas creacións, así como unha pequena colaboración duns productos que realizamos xuntas. Tamén faremos un pequeno sorteo ao final da tarde”, explica Candela.
A temática do evento é a cor vermella, e contarán con Iago Lema que amenizará un anaquiño da tarde coa súa voz, e cunha mesa dulce da man da Panadería de Pazos.