mércores. 23.07.2025
El tiempo

Íntegro fai comunidade coas familias

Dia das Familias de Integro-Entrega agasallo ao socio sénior da entidade, Ricardo Martínez
A directiva fixo entrega dun agasallo ao socio sénior da entidade, Ricardo Martínez
Íntegro fai comunidade coas familias

O pasado sábado 19, a asociación Íntegro celebrou unha nova edición do tradicional Día das Familias, unha xornada marcada pola emoción, o recoñecemento e o sentimento de pertenza. O encontro reuniu a persoas usuarias, familiares, persoal da entidade e representantes da comunidade, consolidándose como un espazo de encontro, reflexión e celebración.

Desde primeira hora da mañá, o ambiente foi festivo e acolledor. Música, animación, propostas gastronómicas, baile, risas e moitos premios protagonizaron unha xornada que quedará na memoria de todos os e as presentes. Pero o máis importante foi a compañía: familiares, amigos/as, veciños/as, socios/as, directivos/as e usuarios/as acudiron á cita para compartir, un ano máis, este momento especial de encontro.

Durante o acto de inauguración, o presidente da entidade Adolfo López Baña quixo render, en nome de toda a Xunta Directiva, unha sentida homenaxe ás familias, destacando o seu papel insubstituíble no acompañamento das persoas con diversidade funcional: “A familia é o primeiro abrazo, o primeiro apoio, a primeira mirada que di: ‘Ti podes’”, afirmou, nun discurso cheo de humanidade e compromiso. Ao longo da intervención tamén puxo en valor o esforzo diario de nais, pais, irmáns e avós, que, como dixo, “convértense en terapeutas, en mestres, en defensores… sen deixar de ser simplemente familia”. Tamén destacou a importancia de que estas non camiñen soas: “Necesitan apoio, redes, descanso e sentirse escoitadas pola sociedade”.

Dia das Familias de Integro-reunión familias

As charlas informativas da mañá, nas que se deu conta das actividades e os diferentes programas que se están a desenvolver en Nantón, deron paso a un xantar popular co que chegou o entretemento e a diversión.

A sesión de tarde foi do máis distendida e divertida: baile, música, conversas e moitos premios, entregados durante o sorteo levado a cabo grazas   doazóns realizadas por empresas e comercios da contorna. Ademais, os membros da directiva quixeron homenaxear a dúas persoas moi especiais para a entidade: Ricardo Martínez, de 92 anos, socio sénior da asociación e Mª Luisa Fernández, autora de “La mirada de Ángel” e antiga colaboradora e amiga de Íntegro. A ambos, fíxoselles entrega duns agasallos como mostra de agradecemento polo seu compromiso e dedicación. 

A xornada serviu tamén para reforzar o sentimento de comunidade que define á asociación. Ser parte de Íntegro é sentir que pertencemos a un proxecto colectivo e comprometido coa igualdade”, asegurou o presidente, quen fixo un chamamento a seguir construíndo unha sociedade máis inclusiva, especialmente no ámbito rural.

Nun ambiente distendido e cheo de emocións compartidas, as familias foron as auténticas protagonistas dun día que rematou cun agradecemento colectivo e unha mensaxe de esperanza: “O que sementemos hoxe, florecerá mañá”.

Dia das Familias de Integro-Membros da directiva
Membros da directiva de Íntegro

Comentarios