Xoves. 10.10.2024
El tiempo

O medievo volve tomar Riobó

Noite no Medievo Riobó 2022
O medievo volve tomar Riobó

Este sábado 6 de agosto volve unha das festas máis singulares da comarca, a ‘Tarde- Noite no Medievo’ de Riobó. Chega na súa 13ª edición recuperando as súas ‘Prevodas Medievais’, un acontecemento moi especial onde as parellas que así o desexan poden ‘pasar polo altar’ de forma oficiosa, non oficial, recreando os enlaces típicos do medievo.

Ás 18:00 horas terá lugar unha camiñada ata a Torre da Penela coa escenificación “Terra de raíñas” a cargo do grupo Os Quinquilláns. A saída efectuarase diante da igrexa co grupo musical Os Repichocos.

Durante toda a tarde a veciñanza e turistas poderán gozar de paseos a cabalo, xogos tradicionais do Museo Etnolúdico de Galicia, degustación permanente de pratos relacionados coa época medieval como filloas, bolos preñados, churrasco, espitas de cervexa e queimada, exposicións e demostracións artesanais e ao vivo que inclúen cestería, carpintería, cartón pedra, pintura, obras con tellas, gancho, entre outras, ou a actuación do meigho Yago Espasandín.
A música correrá a cargo dos grupos Son de Cabana, O Son do Castro, As Cantareiras de Riobó, Os Farrapos, Os Repichocos e o grupo de danza tradicional Inllar.

Estas funcións serán o preludio ao pregón, programado ao redor das 20:15 horas, que este ano recae en mans de Irma Macías, vocalista da agrupación Luar na Lubre.

Os casamentos comezarán ás 20:30 horas coa coordinadora de Cultura do Concello de Cabana, Silvia Losada, como mestra de cerimonias.

Tras a realización dos enlaces, sobre as 21:00 horas, dará comezo o convite ‘A pitanza do santo’, onde as persoas asistentes poderán degustar pan e queixo como se facía antigamente na Romaría de San Brais do Folgoso. Todo acompañado dunha nova actuación de O Son do Castro.

Acto seguido terá lugar o espectáculo de Animacreques Catropés.

Máis citas na AxendaCostadaMorte

Pola noite a música será a protagonista cos concertos dos grupos Arredores e A banda de Balbina.

Comentarios