xoves. 16.07.2026
El tiempo

A aldea de Riobó xa se prepara para a súa volta ao Medievo

riobo medievo 25 2
Imaxe da edición do ano pasado
A aldea de Riobó xa se prepara para a súa volta ao Medievo

A máxica aldea cabanesa  de Riobó volverá retroceder no tempo o vindeiro sábado 8 de agosto coa celebración da XVII edición de Riobó no Medievo, unha das citas máis singulares do verán cabanés. A festa, organizada pola asociación de veciños San Martiño de Riobó co apoio do Concello e a Deputación, comezará ás 17:00 horas e prolongarase ata a noite cunha ampla oferta de actividades para todos os públicos.

A xornada abrirase cunha camiñada á Torre de Penela, á que seguirán paseos a cabalo e xogos tradicionais a cargo do MELGA. O ambiente medieval completarase coa danza tradicional de Inllar e coas prevodas medievais, ademais do convite popular ‘A pitanza do santo’, que será amenizado pola actuación de Cé Orquestra Pantasma. O espectáculo de Kote Malabar poñerá o acento máis festivo da tarde.

Xa pola noite, ás 22:30 horas, chegará un dos pratos fortes coa actuación de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, unha das formacións de referencia da música tradicional galega. O fin de festa correrá a cargo de Os Festicultores.

Cartel do Rioboo no Medievo 2026

Continúa aberto o prazo para as prevodas

Dende o Concello sinalan que continúa aberto o prazo para inscribirse nas prevodas medievais, unha cerimonia na que poden participar as parellas que así o desexen, aínda que é preciso sinalar que non ten efectos legais. Pódese participar acudindo ao departamento de Cultura do Concello ou chamando ao 981 754 020.

Comentarios