Rematadas as obras do Centro BTT e de recepción de visitantes de Cabana
Concello de Cabana acaba de rematar as obras nas novas instalacións do centro BTT e de recepción de roteiros turísticos, un proxecto financiado a través dunha subvención de Turismo de Galicia de 30.000 euros. Trátase dunha infraestrutura que permitirá impulsar o turismo sostible no Esteiro do Anllóns, no municipio e no resto da comarca.
Trátase dunha intervención que permitirá “que todas as persoas que se acheguen a Cabana para gozar do espectáculo do Esteiro do Anllóns ou doutros emprazamentos paisaxísticos conten cun punto onde recibir información, asesoramento e acubillo na súa viaxe”.
Esta actuación inclúe a rehabilitación total dun edificio situado na contorna da praia do Pendón e o albergue. Este inmoble, antigos vestiarios do campo de fútbol, presentaba un mal estado de conservación que quedou corrixido co seu acondicionamento interior e exterior. A infraestrutura conta agora con oficina, almacén de material, aseos, duchas e vestiarios a disposición das persoas usuarias.
A segunda parte do proxecto consistiu na sinalización de catro rutas BTT polas que se dispoñerán carteis e diferentes elementos cos que indicar e diferenciar os percorridos. O centro de recepción é o punto inicial dos itinerarios e funciona como espazo onde poder gardar obxectos persoais e mesmo as bicicletas.
“Espazos como o Dolmen de Dombate, o Castro de Borneiro, o Camiño dos Faros e o propio Esteiro do Anllóns merecen unhas infraestruturas á súa altura”, engaden dende o Concello.