Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A orixe dos Benlloch no Finisterrae galego no século XX

A orixe dos Benlloch no Finisterrae galego no século XX
O Faro Tourinan o destino costeiro do primeiro torreiro Benlloch e a sua sinatura

Temos a sorte hoxe de poder compartir un traballo de investigación de gran importancia para a Costa da Morte. Un artigo asinado polos dous descendentes de Francisco Benlloch Buigues, José Enrique Benlloch del Río (Muxía, 1949), bizneto, e José Enrique Benlloch Castiñeira (A Coruña, 1974), tataraneto de Francisco.
Ambos, membros da Asociación Cultural de Estudios Históricos, achégannos unha visión moi interesante sobre a orixe do seu apelido, un apelido moi vencellado ao desenvolvemento da nosa bisbarra, sobre todo ao mundo dos faros, coa intención de despexar certas nocións erradas sobre o seu antergo e a súa traxectoria.

Xa temos realizado unha viaxe pola historia dos Señoríos de Nemancos con Kike Benlloch. Hoxe, escoitamos outro anaco de historia da costa do vello Nemancos sumerxíndonos na historia do seu apelido. Un anaco de historia que non se basea só en tradición oral senón en investigación e probas documentais, como o relativo ao recoñecemento a Francisco Benlloch polo salvamento dos náufragos.


A orixe dos Benlloch na Fisterra galega no século XX

Benlloch chegou a Muxia procedente do Faro de San Sebastian

Este documento pretende esclarecer certas lagoas que, por falta de información ou errónea transmisión oral, déronse sobre como a nosa familia se estableceu nesta costa galega. Erros recolleitos en varios medios, prensa, libros e revistas.

O patriarca, torreiro de profesión, foi Francisco Benlloch Buigues, nacido na rúa Loreto de Xàbia (Alacante) no ano 1853; casa con Rita Nave Cardona (n. Benissa, 1856) naquela freguesía no ano 1882. Polo tanto nin é oriundo de Denia nin, como se escribiu, procede profesionalmente do faro de Cabo Tiñoso.

A vida de Francisco vai estar ligada aos faros: desde 1883, cando realiza as prácticas para torreiro, pasando pola oposición, en 1886, e o seu primeiro nomeamento (1892) en Faro de Mesa Roldán (Almería), o seu exercicio profesional en Touriñán, ata o seu retiro e posterior falecemento en Muxía (A Coruña), en 1928.

Os avatares do seu oficio lévano por distintos faros da costa mediterránea entre 1896 e 1901: Cabo de Paus (Murcia), Cabo Tiñoso (Murcia), Cabo de Roses e San Sebastiá de Palafrugell (Girona) ata que, desde este último, no verán de 1901 recala, como encargado, no faro de Touriñán, que fora inaugurado pouco antes, en decembro de 1898. Algúns datos puidémolos solicitar grazas á colaboración do investigador David Morei Aguirre, autor de "A vida nos faros de España”.

Francisco Benlloch cruza a península desde Cataluña, primeiro el e logo a súa esposa cos seus cinco fillos -catro deles varóns- nados en distintos lugares desa costa levantina: Xàbia, Denia e Cartaxena.

Segundo nos relataba a tía Rosario (n. Denia, 1890), única filla dos Benlloch-Nave, o traxecto en ferrocarril, dilixencia e en mulas, levoulles seis días, e foi unha odisea o alcanzar Corcubión e logo Touriñán.

Non parece que tivesen os Benlloch-Nave intención de quedarse nestas terras, aínda que Francisco xa contaba corenta e oito anos cando tomou posesión do faro. Ao terceiro día de estancia en Touriñán xa recolle un naufraxio, o do vapor Rivera. Non sería o último.

Un expediente que non pasa desapercibido

O expediente profesional deste fareiro é, como nos dicía a supervisora do Arquivo que o custodia, deses que non pasan desapercibidos.
Francisco era home metódico, instruído e moi estrito no cumprimento da norma, trazo este último que lle levou a ter algún que outro desgusto profesional, paradoxicamente por ser fiel a ela.
Tamén se caracterizou a súa traxectoria por cooperar en salvamentos de náufragos, como os do vapor inglés California, que no ano 1917 e no curso do I Guerra Mundial é torpedeado por un submariño alemán U22 á altura de Cabo Vilán. Como consecuencia un dos botes de supervivientes, con dezaoito persoas, alcanza a costa de Touriñán e el, coñecedor da mesma, con bandeiras en man vailles indicando o lugar adecuado para desembarcar sen risco das súas vidas. Estas persoas son entón aloxadas temporalmente no propio faro ao coidado das dúas familias, a Benlloch-Nave e a do outro fareiro que compartía responsabilidades con Francisco. O vicecónsul británico en Corcubión failles chegar nos días subseguintes carne, pan e tabaco a Touriñán para a atención dos tripulantes do buque afundido. Temos que imaxinarnos como sería o amoreamento de tantas persoas no reducido espazo da casa-faro, onde comparten todo o que hai, ata que os supervivientes foron trasladados a Coruña.

O salvamento e a acollida válenlle a Francisco Benlloch o “vivo recoñecemento” polo Sr Embaixador da Gran Bretaña, quen “por encargo do Principal Secretario de Estado da súa Maxestade” pide transmítase a mesma ao interesado a través do Ministerio de Estado español. Invítaselle a que vaia a Madrid para renderlle agradecemento. Pero el conta xa con sesenta e catro anos e non está polo labor. A atención da administración patria como intermediadora neste asunto contrasta co nulo caso que durante o seu servizo pareceron prestarlle en asuntos como a solicitude de destino máis óptimo para a súa familia.

Ao final fáiselle chegar a Touriñán unha copa de prata cunha inscripción e un documento en inglés no seu interior. Obxecto e documento que os maiores da familia recordamos perfectamente, e que foron depositados no ano 1978 na muxiana capela da Barca; hoxe ambos están en paradero descoñecido. Ninguén da familia, que saibamos, tivo o acerto de copialo ou facer unha reprodución daquel.

Os escritos de Benlloch

Recortes de prensa cosidos por Benlloch para a formacin educativa no faro de Tourinan Caderno de receitas caseras para alivio da dor de Benlloch

Capítulo separadamente merecen os escritos de Francisco Benlloch solicitando novo destino para mellorar a educación e formación dos seus fillos. Tamén sabemos do seu esmero e dedicación polas descricións técnicas do servizo ou da vida no interior do faro que nos legou.

En 1904 e 1911 Francisco solicita o traslado ao faro de Cée, vila que xa contaba con instituto desde 1886. Non llo conceden. En 1906 pide o faro de Cedeira. Tampouco llo outorgan, e así sucesivamente con outros destinos.

En 1905 Francisco Benlloch escríbelle ao enxeñeiro xefe de Coruña solicitando aumento do medio real diario que lle pagan aos dous torreiros en activo, alegando: “Tamén teño o deber de significar a Vs que o abastecemento de subsistencias para dez e sete individuos que compoñen ambas familias é por conta nosa, sendo a distancia para a condución de 13 km. Estes gastos deducidos dos pingües soldos que gozamos impiden sufragar as necesidades máis apremiantes da vida”

No faro posuían unha pequena biblioteca de libros e de tomos cosidos a man, ben de revistas ou de recortes de prensa coleccionados. Textos de Blasco Ibáñez, Pardo Bazán… un “Compendio Mathemático” de Thomas Vicente Tosca, algún libro de astronomía e navegación, que presumimos da súa formación como alumno de faros. E non podían faltar os escritos sobre receitas de cociña e sobre todo de remedios caseros para paliar as distintas dores corporais.

Tamén, como bo valenciano, contaba cos instrumentos de cordo: unha guitarra de 1882, un laúde ou unha mandolina, que o acompañaban nas súas noites de garda.

Xa en 1920, con sesenta e sete anos, é xubilado e marcha a vivir a Muxía, onde xa tiña dous fillos casados. A súa muller dicía: “E agora, con netos nesta vila, que imos facer a Valencia, alí non temos a ninguén”.

Así é como se estableceu a familia Benlloch na costa “do solpor”, no Finisterrae galego: na vila de Muxía, Ponte do Porto, Quintáns, Fisterra, Cée, Os Muíños…

  • Asdo: José Enrique Benlloch del Río e Kike Benlloch Castiñeira.

Novas relacionadas

Outros artigos de interese

Fonte

Comentarios