Unanimidade no Parlamento para solicitar que os postos de Corcubión e Vimianzo sexan “principais” para a loita contra o narcotrático
Trala aprobación da petición dunha Base Aduaneira para Camariñas hai uns meses, os tres grupos volveron votar de xeito unánime no Parlamento Galego para sacar adiante outra moción vinculada co narcotráfico. Se a comezos de ano foi o BNG o que levou o asunto ao Parlamento, desta volta foi a deputada popular Paula Mouzo a que presentou na Comisión de Interior do Parlamento galego, unha proposición non de lei para que a Xunta Galicia lle pida ao Goberno Central que se establezan os postos de Vimianzo e Corcubión como postos principais da Garda Civil na provincia da Coruña”, co obxecto de que poidan dotarse dun maior número de efectivos e medios materiais dirixidos á seguridade costeira e á loita contra o narcotráfico.
Podedes ver o debate na mediateca do Parlamento.A proposta do PP
A deputada camariñá Paula Mouzo debullou que o obxecto desta demanda é “dotar dun maior número de efectivos e se poida mellorar a seguridade costeira, reforzar a loita contra o narcotráfico e garantir o cumprimento das competencias que a Garda Civil ten en zonas rurais e costeiras”. Así mesmo, pídese que “se modernicen e reforcen os medios materiais e tecnolóxicos da Garda Civil na provincia de A Coruña, e moi especialmente na comarca da Costa da Morte, dotando aos postos da Garda Civil de embarcacións máis potentes e manobrables, equipadas coa tecnoloxía necesaria para interceptar narcolanchas e garantir a eficacia das operacións no litoral galego”.
A deputada popular Paula Mouzo demandou “unha resposta contundente a un dos grandes problemas que ten a sociedade actual”, porque manifestou que “os clans da droga coidan do seu entramado, teñen embarcacións modernas e actualizan as súas estratexias continuamente, ante o que nós temos que pelexar pola seguridade dos novos veciños, pola saúde da nosa mocidade e polo cumprimento da lei”. ”Estas medidas poderán convertirse nun muro de contención contra a entrada da droga na comarca e unha meirande seguridade para a cidadanía”, apurou.
PSOE e BNG a favor
A carballesa Patricia Iglesias (PSOE) acusou a Mouzo de “buscar un titular e unha foto”, lembrando as iniciativas xa aprobadas, e defendeu o investimento do goberno central na loita contara o narcotráfico.
Tamén lembrou Oscar Insua (BNG) que foi o seu partido “o primeiro en traer unha iniciativa semellante ao Parlamento”, e que a intención do PP é “ensombrecer as iniciativas do BNG”. Matizou que “na Costa da Morte non temos unha base marítima da Garda Civil na comarca” polo que “dificilmente nos van poder mandar barocs da Garda Civil máis potentes”.
Mouzo: “Eu vivín na familia os estragos da droga”
No turno de réplica, foi contundente Paula Mouzo na súa información. “Engánase comigo señora Iglesias. Eu non quero titulares, eu quero medios, quero solucións. Eu vivín na miña propia familia os estragos da droga, convivindo cun toxicómano, e o meu avó fundou unha asociación contra as drogas cando eu só era unha nena. Eu o que quero que a xuventude teña unha seguridade”, respondeulle afectada á acusación de “buscar a foto”.
Lembrou ademais as carencias que teñen os cuarteis de Camariñas, con 2 axentes operativos dos 6 que deberían estar; ou coas 197 prazas vacantes das 1800 que a Garda Civil ten na provincia da Coruña.
Neste sentido, lembrou que “hai uns anos todos os días había dúas patrullas de vixilancia operativas, unha na comarca de Fisterra e outra na comarca de Soneira, e agora só hai unha para atender a toda a zona”. A esta situación engadiu que os cuarteis están baixo mínimos, hai vehículos que non compren coas funcións necesarias e, incluso, carecen de visores nocturnos.



