A Administración Bolboreta de Camariñas vende varios décimos do primeiro premio da Lotaría Nacional
A Administración de Lotarías Bolboreta vén de coñecer que o pasado sábado vendiu varios décimos do número 77142, que levou o primeiro premio da Lotaría Nacional. A lotaría de Camariñas, sita no mesmo paseo (Avda. Ambrosio, 7), repartiu varios décimos, que recibirán un premio de 60.000€ cada un.
”Menos mal, despois de 25 anos con premios pequeniños, algún día tiña que ser”, sinala con orgullo Jose Manuel Luaces, xerente da Lotaría, e un dos que está sempre ao pé do cañón xunto con Belén.
Aínda non poden coñecer os compradores dos décimos gañadores, pero si sabe que xentes dunha excursión da semana pasada levaron varios dos décimos. “Van recordar Camariñas para toda a vida”.
Con todo, Luaces lamenta que non saíse un dos números dos abonados que ten na vila, porque se ben é máis que posible que haia algún gañador camariñán, a maioría dos veciños que xogan adoitan repetir ao mesmo número. “Espero que algún sexa da vila”, agarda Luaces.