Adxudicadas as novas obras na Travesía de Ponte do Porto
- As obras comezarán o vindeiro mes de maio e contan cun prazo de execución de 11 meses

Despois da primeira fase realizada durante 2020, a Deputación da Coruña vén de adxudicar por 694.957,45 euros obras de acondicionamento da estrada DP-1603 ao seu paso pola Travesía de Ponte do Porto, nos concellos de Camariñas e Vimianzo. As obras comprenden unha lonxitude de 400 metros, entre os PQ 0.330 e PQ 0.740.
As baldosas do paseo presentan un deterioro importante causado polo paso do tempo e igualmente o firme da estrada, que está irregular e desgastado.
A actuación prevista inclúe a demolición das beirarrúas e bordos existentes e unha nova distribución das zonas axardinadas para construír despois as novas beirarrúas mediante o emprego de formigón continuo. Na zona do paseo prevese a reposición cun firme de formigón impreso.
As obras contemplan tamén a reordenación da praza de San Roque coa colocación dun enlousado de pedra granítica abrindo a fonte e a praza ao seu contorno.Tanto a praza como a estrada contarán con nova rede de recollida de pluviais e drenaxe.
Renovaranse os farois por uns novos de características similares aos que se están renovando no municipio e disporanse luminarias empotradas no murete do paseo. Procederase tamén á restauración da varanda e á colocación de novo mobiliario urbano, con bancos de pedra granítica que permitan o descanso dos paseantes.