O alumnado da Ponte segue tecendo vínculos con Europa

Alumnado do IES Pedra da Aguia no Hemiciclo do Consello Europeo

Segue o  IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto achegando ao seu alumnado á Unión Europea. A semana pasada, alumnado de 3º da ESO, acompañado de dous profesores, visitou a cidade francesa de Estrasburgo para coñecer de cerca o Parlamento europeo e o Consello de Europa.

A visita enmarcouse dentro da xa tradicional xira por países europeos con institucións comunitarias que o Centro ven ofertando regularmente ao seu alumnado dende hai xa 15 anos, e que os levou noutros cursos a Bruxelas, Luxemburgo e Francfort. Sen embargo, Estrasburgo é o epicentro das mesmos, xa que é a cidade da reconciliación entre alemans e franceses logo de ser ocupada polos primeiros en 1870 e tralo inicio da Segunda Guerra Mundial.

Ese pasado alemán está presente nas grandes construcións imperiais de finais do S.XIX que contrastan coa coquetería francesa e co novo barrio europeo, todavía en expansión.

O alumnado puido disfrutar durante tres días de todo este legado cultural, aínda que o principal eixo da visita fora o barrio europeo.

Así, a sede plenaria do lexislativo comunitario, o Parlamento, foi o primeiro lugar dunha visita guiada que percorreu a diversas estancias do edificio, co remate final no hemiciclo, con capacidade para 750 eurodeputados, aínda que actualmente sexan 720.

Chamoulles a atención que se reúnan unha semana vez ao mes, pero que iso supoña case o desprazamento de máis de 5000 persoas dende Bruxelas, e o número de cabinas de interpretación, xa que todos os debates teñen que ser comprendidos nas 24 linguas oficiais da Unión Europea.

No caso do Consello de Europa, trátase dunha organización non comunitaria que acolle a 46 países de Europa, trala expulsión en 2022 de Rusia. Aborda temas relacionados principalmente cos dereitos humanos e no seu momento foi a a sede do Parlamento europeo ata a súa ubicación actual. Na visita, tamén guiada, o alumnado aprendeu que os 306 parlamentarios actuais non son elixidos polos cidadáns senón polos parlamentos nacionais, que se reúnen tan só 4 veces ao ano, que só hai tres linguas oficiais de traballo (inglés, francés e alemán), e que as súas decisións teñen un carácter meramente consultivo.

A curta estancia pechouse cun recorrido pola cidade ata a famosa Petite France, un paseo en barco polo río Ill (afluente do Rhin) e a visita a unha das catedrais máis altas de Europa, que incluía a subida de 332 escalóns ata a terraza panorámica, á que algúns chegaron exhaustos.

En resumo, unha viaxe cultural, didáctica e lúdica na que moitos se montaron por primeira vez en avión, en tren e mesmo en tranvía.