O IES Pedra da Aguia acolle unha exposición sobre os Fondos Europeos
Seguro que a moitos nos gustaría coñecer mellor como se reparten os Fondos Europeos. Esas liñas de axudas da UE que moitas veces serven para sacar xente do mar, acabar co tecido produtivo, para fomentar a creación de establecimentos hosteleiros. Pois no IES Pedra da Aguia temos unha oportunidade de saber como funcionan.
Dende o luns 12 de xaneiro ata o luns 26 de xaneiro poderase visitar na entrada do Instituto Pedra da Aguia da Ponte do Porto a Exposición sobre Fondos Europeos.
Trátase de 16 paneis explicativos de gran tamaño que fan un repaso, do global ao local, do desenvolvemento que experimentou Galicia nos últimos 35 anos grazas á contribución de fondos e programas comunitarios como o FSE ou o FEDER.
A Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda é a que facilitou ao Centro estas láminas con carácter temporal, xa que se trata dunha exposición itinerante que viaxará por outros cinco centros educativos de Galicia durante o primeiro semestre de 2026.
O préstamo prodúcese dentro do Programa experimental do Plan Proxecta+ 2025-2026 “Fondos Europeos” , no que participa o Instituto camariñán, que pretende difundir con exemplos prácticos aqueles ámbitos nos que en Galicia se desenvolveron proxectos emblemáticos e de impacto cos fondos europeos, tanto no ámbito da inclusión social como nos de mellora educativa, construción de infraestruturas, investigación e innovación.
Con tal motivo, os alumnos de 4º da ESO coñecerán o proceso de construción da Unión Europea, á que España de adheriu en 1986, os seus principios e valores e o papel fundamental da cohesión económica e social como vertebradora do crecemento e benestar da cidadanía europea.
Igualmente, indagarán nos proxectos financiados con Fondos europeos na Costa da Morte e sobre todo, na zona de Camariñas, co fin de presentar para o mes de maio, coincidindo co 9 de maio, día de Europa, unha exposición con fotografías propias.
Desde o Centro convídase a toda a comunidade educativa e ao público en xeral a que pase polas nosas instalacións en horario escolar de 9.00 a 14.30 co fin de contemplar esta exposición que, como xa resaltamos antes, tan só poderá verse noutros cinco centros educativos da nosa Comunidade Autónoma.
Máis novas


