xoves. 05.03.2026
El tiempo

Mabel Lozano achega ao IES da Ponte da Porto a realidade da trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual

Expo de mabel lozano sobre trata de mulleres reglas prostibuos 1
Carteis de reglas dalgún prostíbulo que se mostra na exposición de Mabel Lozano
Mabel Lozano achega ao IES da Ponte da Porto a realidade da trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual

O Concello de Camariñas, dentro da súa programación polo 8M, Día da Muller, leva ao IES Pedra da Aguia a exposición "Chicas nuevas 24 horas",
que denuncia a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e que estará vixente ata o 15 de marzo.

A mostra, impulsada pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero (Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia), percorre desde o mes de novembro diferentes municipios e institutos galegos para achegar a necesaria denuncia sobre a compravenda de mulleres e nenas para a súa explotación sexual.

Esta exposición está composta por fotografías, a proxección do documental "Chicas nuevas 24 horas" (escrito e dirixido por Mabel Lozano) e traballos interactivos co alumnado. Nela danse a coñecer as vivencias e situacións de diversas mulleres e nenas que, desde localizacións como España, Arxentina, Perú, Colombia ou Paraguai, dan o seu testemuño sobre esta lacra social.
Un traballo global en torno á trata que denuncia o escuro día a día no que viven millóns de mulleres no mundo por culpa das mafias e proxenetas, destapando a realidade da prostitución exercida desde a escravitude, sempre baixo enganos, extorsións, débedas e ameazas. Un negocio que xera unhas ganancias de 32.000 millóns de dólares ao ano.

A exposición inclúe actividades complementarias de carácter social, didáctico e formativo, centradas en dous piares básicos: a prevención e a concienciación. O obxectivo final é lograr a implicación da mocidade na erradicación deste negocio, un fin que é máis factible conseguir a través
dunha menor demanda xunto co compromiso e a responsabilidade social.

Expo de mabel lozano sobre trata de mulleres

O documental "Chicas nuevas 24 horas" proxectarase o xoves 12 de marzo ás 18:30 horas no Museo do Encaixe, con entrada libre ata completar aforo. É unha viaxe aos entrares dunha realidade presente pero sempre oculta, cuxa proxección ten como obxectivo xerar unha sociedade máis concienciada, que se converterá na mellor ferramenta para facer desaparecer esta forma de escravitude de mulleres e nenas. Todos os días son importantes para construír a igualdade e tamén alzamos as nosas voces contra a trata como unha das formas de violencia máis profundas que sofren as mulleres e as nenas.

Mabel Lozano
Mabel Lozano, guionista, produtora e directora de cine social, conta cunha traxectoria de máis de 15 anos centrada na visibilización da lacra da prostitución na procura dunha maior concienciación social para erradicala. A directora comezou a súa carreira como presentadora de programas de entretemento, pero en 2007 a súa relación co audiovisual cambiou para ser unha das voces de denuncia da explotación da muller.
Tras coñecer unha historia persoal que quixo contar, deu un xiro á súa carreira televisiva e, cun máster de Cine Social e Dereitos Humanos na Universidade de Galway (Irlanda), comezou unha carreira como documentalista polos dereitos humanos, escribindo e dirixindo a súa primeira longametraxe documental "Voces contra la trata de mujeres" rodada en Romanía, Moldavia e España, onde denuncia a compravenda de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.
En 2015 estreou o documental "Chicas nuevas 24 horas", sobre o tráfico e explotación sexual de mulleres; unha coprodución entre Arxentina, Colombia, Paraguai, Perú e España que foi candidata ao premio Goya e aos Premios Platino do Cine Iberoamericano.
Mabel Lozano recibiu o Premio Goya 2021 pola curtametraxe documental “Biografía del cadáver de una mujer” e o Premio Goya 2024 por “Ava”.

Comentarios