Camariñas aproveita o Serpent como reclamo cunha emotiva homenaxe e un completo programa

Evento de homenaxe ao Serpent no Cemiterio dos Ingleses

É, sen dúbida, un dos eventos máis emocionantes de cantos se fan ao longo do ano na Costa da Morte. Un espazo como o Cemiterio dos Ingleses, cheo de emoción, no marco da noite estrelada da punta do Boi, acolle cada 9 de novembro o acto conmemorativo polo 129 aniversario da traxedia do ‘HMS Serpent’, o cruceiro da Royal Navy que se afundiu en 1890 no corno da Punta do Boi deixando 173 vítimas.

Este ano o Concello de Camariñas adiantou o evento (das habituais 22:00h, hora que coincide co naufraxio, a unhas 19:00h máis asequibles), e mesmo dispuxo un bus gratuíto para os veciños e veciñas que quixeran vivir a homenaxe dende dentro. Era o acto central dun completo programa que vai medrando, e vai dando forma a un xeito de aproveitar turisticamente unha realidade tan simbólica como a dos naufraxios da Costa da Morte.

O acto contou cunha ofrenda floral (coa alcaldesa, ademais de Rafael Lema, José Manuel Pato e Juan Campos Calvo-Sotelo, da Real Liga Naval Española, a promotora real deste evento dende hai 11 anos) e unha representación teatral moi xestual.

Unha homenaxe que serve para “transmitir de xeración en xeración e manter no recordo para sempre a historia de cada un dos que aquí descansan e de todos aqueles aos que esta traxedia marcou a súa vida”.

Tapas dos naufraxios

Durante toda a fin de semana estivo activa a ‘Ruta das Tapas dos Naufraxios’ na que os 16 establecementos participantes ofreceron, por 1 euro, tapas relacionadas cun barco naufragado en concreto. Participan nesta ocasión Bar Pinar, Café Bar A Ría, Cafetería Oasis, O Náutico Bar, O Portiño, Taberna do Bico, A Molinera, Bar Rotterdam, Pub Marítimo, Café Bar O Rosquilleiro, Casa Trabeiro, CunKCafé, La Tavernetta da Ponte, Pizzería Brasil, Restaurante-Pizzería A Xunqueira, Parrillada Rojo.

+ NOTICIAS