Camariñas consegue un armario de recollida de paquetes en Correos

08:27 10/09/25
Con todos os problemas que está sufrindo a oficina de Correos de Camariñas, parece unha pequena vitoria conseguir un punto de recollida de paquetes de Correos, un lugar alternativo á oficina postal tradicional onde a clientela pode recibir ou enviar os seus paquetes dun xeito sinxelo e moito máis áxil.
Ante a redución de horarios que están a sufrir as oficinas de Correos no municipio, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, reuniuse co xefe do sector de Oficinas, José Manuel Costa Juncal, ao que lle solicitou que se instalase esta infraestrutura. “Queremos dotar á cidadanía dun servizo e que se prevé que nun futuro será o máis empregado para a recollida e envío de paquetería”, sinalou a rexedora.
Este armario automatizado estará situado na Praza do Mercado e contará con compartimentos de distintos tamaños. Unha das principais vantaxes é que tanto os envíos como as recollidas poden facerse fóra do horario habitual das oficinas de Correos, con procesos cómodos e flexibles e, ademais, reducindo as colas nas oficinas.