Novas protestas contra o mal funcionamento da oficina de Correos de Camariñas

Continúan os problemas coa oficina de Correos de Camariñas. Despois das queixas de innumerables veciños, e a denuncia pública do pasado mes de febreiro, o Concello de Camariñas volve manifestar a súa preocupación polo recorte no horario de atención da oficina, que pasou de abrir de 9:00 a 14:00 horas a facelo unicamente de 10:30 a 14:00 horas.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, considera que “esta redución do tempo de apertura supón unha clara perda de servizos para a nosa veciñanza, que ve limitado o acceso a un servizo público esencial”.
Por este motivo, o Concello xa está en contacto coa dirección de Correos para demandar que se retome o horario habitual, garantindo así que a cidadanía poida realizar as súas xestións nun tramo horario máis amplo e axeitado ás súas necesidades.
“Non podemos permitir que un servizo básico como o de Correos reduza a súa presenza no noso municipio. Trátase dunha cuestión de igualdade de dereitos para a veciñanza e de acceso a servizos públicos fundamentais”, sinala a rexedora.
O Concello de Camariñas continuará coa reclamación ante Correos ata que se restableza o horario anterior de apertura ao público.