Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Camariñas, Muxía e Vimianzo clausuran a terceira edición do obradoiro dual de emprego ‘Construíndo futuro’

Obradoiro Camarinas
Camariñas, Muxía e Vimianzo clausuran a terceira edición do obradoiro dual de emprego ‘Construíndo futuro’

Foi a de onte unha xornada de clausura dos Obradoiros de Emprego da comarca. Así aconteceu no de Santa Comba, no de Camariñas-Vimianzo-Muxía e tamén no de Dumbría-Cee-Corcubioón.

Foi na Casa de Pedra de Camariñas onde se celebrou a clausura do Obradoiro ‘Construíndo futuro’, unha iniciativa, na que participaron un total de 20 alumnos e alumnas, e que se desenvolveu de forma conxunta desde agosto do pasado ano entre as tres localidades, sendo Camariñas o promotor. Os certificados de profesionalidade que se repartiron correspóndense cos de “Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes” e “Pavimentos e Albanelería de Urbanización”.

O alumnado desta última especialidade, “Pavimentos e Albanelería de Urbanización”, puxo en práctica as habilidades adquiridas nas aulas poñendo no concello de Camariñas. Neste municipio acondicionaron a praza da Insuela, mellorando a zona axardinada para mostrar unha continuidade de aspecto con outras zonas do pobo colocando pedra do país tipo Santiago.

No concello de Vimianzo os alumnos e alumnas desta especialidade remataron as actuacións na escola de Subeiro e no pavillón de Baíñas. Na escola de Subeiro executáronse actividades técnicas como a eliminación do pladur que se atopaba en mal estado e procedeuse á substituír o mesmo por un novo con illamento de lana de roca, limpeza de humidades, pintado de paredes, lavado a presión de muros exteriores de pedra e posterior tratamento antihumidade no exterior. Nos catro vestiarios do pavillón de Baíñas colocaron azulexo nas paredes exteriores das duchas, encintando a totalidade do azulexo tanto no exterior coma no interior das duchas para evitar filtracións e humidades. Tamén se pintaron a totalidade das paredes do interior dos vestiarios e duchas con pintura plástica branca antihumidade e construíron un peche perimetral con muros de ladrillo do local anexo ao ximnasio municipal de Vimianzo.

Por outra banda, o alumnado do certificado de profesionalidade de “Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes” tamén realizou actuacións nos tres municipios organizadores. No concello de Muxía desenvolvéronse labores de mantemento das actuacións que se levaran a cabo previamente en Quintáns, Viseo e Caberta. Ao mesmo tempo, en Camariñas, os alumnos e alumnas acompañaron ao traballo desenvolvido polo grupo de albanelería colocando terra vexetal e pedras brancas decorativas nos alcorques das árbores da praza da Insuela. Unha vez rematada dita actuación, realizaron a limpeza con máquina a presión de dita praza. A maiores disto, en Camariñas tamén procederon a unha limpeza exhaustiva tanto na zona do Mirador do Barrio de Corea como na praia da Area da Vila. No concello de Vimianzo fixeron labores de mantemento das actuacións feitas con anterioridade en Padreiro, Grixoa e Castrelo.

A maiores das actuacións prácticas, o alumnado-traballador da especialidade de Montes realizou durante o mes de xuño o curso que estaba programado no proxecto do obradoiro “Formación nas tics: novas tecnoloxías aplicadas ao sector forestal”, de 20 horas de duración, impartido polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa.

O Obradoiro Dual de Emprego Construíndo futuro, foi posible grazas a unha subvención por valor de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade.

Novas relacionadas

Comentarios