"Camariñas, o mar todo" mistura durante tres días o mellor da gastronomía e da cultura
08:06 25/07/18
A etnografía, a artesanía, a gastronomía, a música e a danza misturanse en Camariñas entre o 17 e o 19 de agosto no marco da feira "Camariñas, o mar todo". Nesta edición, o evento - que nace do xerme da “Expo Ría” - pretende implicar a toda a veciñanza e onde terán sitio todos os aspectos que rodean ó mar.
Durante eses días, o concello entregará os premios “Mar de Camariñas”, destinados a persoas e institucións con brillantes traxectorias no mundo do mar. E por outra, todos os veciños e os visitantes poderán disfrutar durante as tres xornadas de numerosas actividades: degustacións de productos do mar, exposición e venda de artesanía, música en directo de diversos estilos pero sempre cun aquel mariñeiro (gaiteiros, pandereteiras, coros...), danza, obradoiros para nenos, charlas de divulgación etnográfica, rutas mariñeiras…
Programa
A praza Maior concentrará unha boa parte das activdades que arrancan o venres, 17 de agosto, co pregón a cargo do actor Cándido Pazó. Durante esta primeira xornada xa haberá postos de degustación e artesanía, con música e animación nas rúas, con actividades pensadas para os máis pequenos e coas rutas mariñeiras a bordo do “Joaquín Vieta”, un balandro de cabotaxe de dos paus e 18 metros de eslora construido entre os anos 1915 e 1916 que é a decana das embarcacións galegas e que acompañará á feira os tres días.
Xa o sábado 18, será o momento da entrega dos premios “Mar de Camariñas”, dos obradoiros para os pequenos e doutras sorpresas que daranse a coñecer nos próximos días. Por último, o domingo 19 proseguirán os actos festivos e expositivos, con mención especial a un encontro de "Danzas Brancas", para concluir xa pola tarde coa clausura, poñendo fin a tres días de feira.
Novas relacionadas
- 2017: A ExpoRía enche Camariñas de Cultura Mariñeira
- 2016: Camariñas honra ao mar cunha feira multisectorial
- Redacción QPC ([email protected])