sábado. 25.07.2026
El tiempo

A Costa da felicidade. 50 anos do Outes campión da Liga da Costa de 1975-76

Tajes, Andrés, Barbazán, De la Torre, Salle, Manolo; Alejandro, Carballo, Palazón, Eduardo, Tuto (arquivo do Outes F. C.)
Tajes, Andrés, Barbazán, De la Torre, Salle, Manolo; Alejandro, Carballo, Palazón, Eduardo, Tuto (arquivo do Outes F. C.)
A Costa da felicidade. 50 anos do Outes campión da Liga da Costa de 1975-76

O fútbol reparte e espalla a ledicia. Na primavera de 1976 tocou por Compostela, Pontevedra, Vigo, Madrid, Múnic, a Checoslovaquia... e polas terras de Outes, onde fomos felices co Outes F. C. da tempada 1975-76.

Nesa primavera, o Outes, na 4.ª participación, ficará campión da Liga da Costa cun equipo fantástico que aparcou debates e sempre será lembrado.

Un equipo presidido por Pepe Campos e adestrado por Manolo Blanco, no cal destaca o capitán Salle, o Beckenbauer xergo, xunto ós magníficos porteiros Pájaro e Manolo e laterais Tajes e Andrés, a potencia inesgotábel do mediocentro Barbazán, a garantía de De la Torre, a visión de xogo e a clase do alacantino Palazón e o noiés Alejandro, a xenialidade no extremo de Seíto Carballo, sempre cunha marcha máis e agora tamén gran goleador, o remate áxil de Manolito, os versátiles Eduardo, Paco Pais, Benavente..., promesas como J. J. Cros..., mesmo o gran Nolete, sobrevivente da 1.ª tempada e de antes. Tampouco non foxen da dureza, eufemismo eterno, co imprevisíbel Tuto á fronte. E, nos penaltis, están o seguro Andrés para mete-los nosos e o sobrado e fumador Bananas, recomposto polo curandeiro Bautista, para atorda-los contrarios.

Maiormente son camaradas de anos, algúns irmáns, e poderían xogar cos ollos pechados. Todos, de notábel para arriba. Moitos seguirán ou voltarán despois, pero o esplendor desta tempada xa non voltará.

Unha aliñación típica será 1 Manolo, 2 Tajes, 5 Salle, 3 Andrés, 4 Barbazán, 6 De la Torre, 8 Palazón, 10 Alejandro, 7 Carballo, 9 Eduardo e 11 Tuto.

Mais hai un prólogo na fin da tempada anterior, 1974-75. Na penúltima xornada o Outes visitou o Noia, que puxo os titulares malia ser xa campión. E aquel Outes, con Cheché na portaría, con Salle fronte a Manín e con goles de Tuto e Eduardo, vencería por 1-2: unha proeza, pois o Noia xamais perdera de local na Liga da Costa. O Noia, tamén campión galego de afeccionados, subiría á Preferente, trala promoción co Eume e o D. Carballo, e nunca voltaría á Costa, polo cal o encontro co Outes foi o derradeiro e a única derrota local do Noia S. D. Malia escoitarse que influíra o seren xa campións, aquel partido de maio de 1975 representa a remuda do Noia para o Outes.

A Liga da Costa de 1975-76 (grupo III da 2.ª Rexional) xogarana 15 equipos: Baio, Buño, Deportivo Carballo, Carnota, Corcubión, Esteirana, Fisterra, Laxe, Malpica, Negreira, Outes, Ponteceso, Porteño, Xallas e Sporting Zas. Alén do adeus do Noia, o Cee auséntase para arranxar Raíces e voltan o D. Carballo, tras gaña-la Liga de Arteixo, e o Buño. Debuta o Sp. Zas. Ó ser número impar, cada xornada descansará un. A vitoria vale 2 puntos e o empate, 1.

Arrancamos no 16 de novembro de 1975. O Outes golea o novato Zas por 7-1 no campo do Bosque. Esta 1.ª xornada é a única baixo o franquismo con Franco. As demais serán co franquismo campechano.

Nos seguintes tres partidos, tres vitorias máis e compartímo-la cima coa escuadra esteirán, a S. D. Esteirana, que tamén gaña todo: 8 puntos. Mais na xornada 5.ª o Outes descansa e en Esteiro falta o árbitro para o partido co Fisterra.

Ese descanso non lle presta ó Outes. A seguir vai a Carnota. Se Lombáns, en 1973, fora o campo da primeira vitoria na Costa, agora será o da primeira derrota. Consta que De la Torre fai 2 goles, aínda que un deles foi dun terrón en que bateu un saque de banda, marca da casa, de Barbazán. Pero Piteiro, máximo goleador final, mete 3 e o equipo do ás Dominguiños, con Sieso e Rateiro de volta, vence por 4-3 e pásanos na táboa.

O líder é a Esteirana, todo vitorias... até que, o día do Nadal, xoga o encontro pendente co Fisterra no Artón. Desta non gaña, mais tampouco non perde grazas a... Romero, o taxista!, quen, de espectador, case no cabo, estira o pé e mete o balón na portaría do desconcertado Quinito. O gol dáse por bo e 2-2 final. Kojak deberíao investigar.

Logo de lle gañarmos ó Xallas por pouco, perdemos no inicio de 1976 en Vimianzo, onde xoga o Laxe de Pastoriza, derrotámo-lo Baio grazas ó parapenaltis Manolo e só empatamos co Fisterra no Ara Solis. É o peor momento para o Outes, e moito máis será para Fisterra coa traxedia do Begoña nas Lobeiras.

A Esteirana tamén afrouxa, con varios empates, e o Carnota aproveita para liderar. Estes días España abandonará definitivamente o Sáhara, en tódolos sentidos.

Mais, tras voltar da fin do mundo, o Outes será xa imparábel, branquinegros a toda cor. Ninguén nos resiste, sobre todo na Serra, onde cae o Negreira no mesmo domingo de neve en que a Esteirana perde co Ponteceso, equipo que será a seguinte vítima arrasada no Bosque: 5-1. Os competidores van cedendo: o Carnota - Esteirana fora un empate e o propio Carnota, último invicto, coñecerá a derrota co Laxe.

Na última tarde da 1.ª volta, Outes e Esteirana disputan o clásico nun Bosque cheo malia a choiva. Ós 10 minutos xa gaña o Outes por 2-0; o primeiro, un gol olímpico de Carballo no ano de Nadia en Montreal. Polo equipo de Joaquín e dos Casal marca Luis, mais logo falla un penalti decisivo: 2-1 final e algarada habitual de público e xogadores. A 1.ª volta acaba este 22 de febreiro co Carnota no liderado, 24 puntos, e o Outes axexando a só 1 punto.

E no comezo da 2.ª volta, no día extra deste bisesto, non podemos condescender co debutante: Zas, 0 - Outes, 5. Ó perde-lo Carnota en Fisterra, o Outes é pola primeira vez líder solitario e xa non caerá de aí.

Ninguén pode segui-lo ritmo do equipo da Serra, que gaña un partido tras outro, domingos de ledicia, e aumenta a vantaxe sen parar. Só en Carballo vencemos pola mínima: 2-3, tras remontarmos. O demais é maiormente goleadas, mesmo cos de arriba: 3-0 ó Carnota, 5-1 ó Laxe... Mentres, represión en Gasteiz, golpe na Arxentina e reunión eterna do patriarca das letras galegas coa súa árbore irmá.

O partido contra o Fisterra na Serra é duro, mais outra vitoria, 3-1, con goles de Tuto, tras outro saque de banda de Barbazán, e de Manolito e Eduardo.

Chega o 2 de maio. O Outes faille un 0-4 ó Negreira de Elías e Fernando, goles de Benavente, Tuto e Carballo, e a formidábel afección, que masivamente se desprazara, coma sempre, en ómnibus e coches, canta o alirón en Cepelo. Á falta de 4 xornadas, o Outes é campión virtual, aínda que non de todo matemático, con 8 puntos sobre o Ponteceso, que, dirixido por García Sordo e xogando moi ben, subira até o 2.º posto.

Contra o Malpica no Bosque arrancan os festexos con foguetes e gol de 40 metros de De la Torre. Fronte á ledicia na Serra, o desastre na Coruña chamarase Urquiola.

No verde campo de Ponteceso a impresionante marca de 16 vitorias seguidas racha e a lexión santiaguesa do Outes perde coa lexión coruñesa do Ponteceso, como diría o El Ideal; mais só importa xa para os de alá aseguraren o subcampionato. Máis unha vez, Añón e Pondal na cima.

Celebración organizada por Antonio do Cociñeiro nos 70 (arquivo do Outes F. C.)
Celebración organizada por Antonio do Cociñeiro nos 70 (arquivo do Outes F. C.)

O último partido na Serra é unha celebración con medallas ós campións, vitoria fronte ó Porteño e convite de Antonio do Cociñeiro, directivo nesta altura. Costeletas e felicidade.

A Liga remata no 27 de maio en Esteiro. 1-1 e homenaxe da Esteirana ó veciño: corredor e agasallos antes do partido e petiscos no Carmiña despois. Desta vez, rivalidade con amizade, ledicia compartida.

O Outes F. C. é o campión indiscutíbel. Venceu en tódolos partidos do Bosque, unha fortaleza con figueira, e fóra só perdeu 3 e empatou 2. É o que máis partidos gañou (23) e menos perdeu (3), o que máis goles marcou (90) e menos recibiu (31). Nas confrontacións particulares, triunfou en todas. Con 48 puntos, sácalle 6 ó Ponteceso. O farol vermello é para o novel Zas, que non gañou e empatou 4.

O Real Madrid tamén é campión de Liga e o Atlético gañará a Copa. Na 2.ª o Celta ascensor fica 2.º, tralo Burgos, e sobe á 1.ª, e o Deportivo da Coruña é 5.º. O Pontevedra é campión da 3.ª e o Compostela, da Preferente, onde o Noia acaba polo medio e o Bergantiños baixa á Costa. Na 1.ª División da Liga do Sar (grupo V da 2.ª Rexional) o Boiro é campión invicto.

O Bayern de Múnic remata a súa grande época coa 3.ª Copa da Europa, contra o Saint-Etiénne, tras elimina-lo Real Madrid, tras este elimina-lo Borussia Mönchengladbach: dous escándalos no Bernabéu, onde viran antes a remonta orixinal co Derby County.

Dende o día de Negreira, a felicidade e o orgullo cobren as terras de Outes. As conversas alegres e os letreiros co “Outes campión” vense aquí e acolá. A afección agarda a decisión da xunta directiva sobre xogar ou non a promoción á Preferente. Ó cabo, fumeira branca e máis entusiasmo. Renúnciase á Copa da Costa, que hai tódolos anos, pois a ocasión de ascender e chegar a toda a Galiza é única. O Outes fica exento da 1.ª rolda e decidirase todo fronte ó vencedor do Endesa e o Arenteiro, que será o equipo do Carballiño, con moito historial e vila grande, pero menos xente socia ca nós.

No 20 de xuño, fin da primavera, calor de verán, Outes e Arenteiro xogan a ida nun Bosque onde non colle máis ninguén: nunca o Toxeiro cobrara tanto. O partido é duro e con oportunidades, mais o Arenteiro impón a clase: 0-2 e a eliminatoria costa arriba. Sentiuse o paro dun mes, a vertixe e a falta do pulmón Barbazán, que trocara Buíste polo Mediterráneo, e pronto se sentirá infinitamente máis.

O encontro pasará á historia por se-lo máis importante xogado no Bosque. Horas despois, Panenka pasará á historia por marca-lo penalti de Panenka e darlle á Checoslovaquia a Eurocopa fronte á Alemaña Federal do Beckenbauer destro. Días despois, Alfonso Aragón morre e converte Fofó en inmortal.

Na volta, domingo 27, o Outes, malia varias ausencias, fai un excelente partido no céspede de Espiñedo, sobre todo na primeira parte, a piques de marcar. E tras unha loita heroica, cun Paxaro voando baixo un sol asfixiante, lonxe da nosa morna costiña, só nos rendemos nos últimos minutos e entón Moncho e Oubiña poñen os goles do Arenteiro no stadium para repeti-lo resultado, 2-0, e sela-lo billete para a Preferente, coma o Viveiro, que supera in extremis o Boiro, e o San Martín, vencedor do Salvaterra.

A Copa da Costa será para o D. Carballo de Ito, Vitolo, Periscal... gañador do Fisterra de José, Carlos, Chucho..., que o ano próximo engalará coma un avión. Nestes días, Borg gañará o seu primeiro Wimbledon; Van Impe, o seu único Tour; e un tal Adolfo tamén ascenderá.

Malia o Outes caer, o resultado da eliminatoria non reflicte ben a disputa que houbo. Caemos fronte a un grande e a ledicia fica polo logrado. Para o aquilatarmos, valoremos que riba da Costa só está a Rexional Preferente de toda a Galiza (antes Serie A) e as tres divisións estatais (1.ª, 2.ª e os catro grupos da 3.ª). Logo inventarán a 2.ª B, a 3.ª desvalorizada e a 1.ª Rexional non preferente, pero iso será logo. As outras ligas que o Outes gañará en 1985 e 2015 serán tamén magníficas e inesquecíbeis, mais cunha costa distinta e espallada. Após medio século, aquela primeira liga de 1976 seguirá a se-lo título de máis valor do Outes F. C.

Calendario Liga da Costa 1975-1976

E se esta historia tivo un prólogo, terá tamén un epílogo na tempada seguinte, 1976-77.

Entre unha e outra, Barbazán viaxará do Mediterráneo ás estrelas para ficar nelas por sempre. Tamén viaxará Eva Sobredo e Cecilia quedará connosco.

O Outes, como campión da Costa, xogará en agosto na Coruña no Conde de Fenosa pequeno antes do Atlético Mineiro - Celta do grande. O Paiosaco gaña, 2-1, e caerá na final co gran Miño, mais nós participamos e sempre poderemos dicir que estivemos en Riazor. Alén de Barbazán, haberá outras baixas, mesmo a de Salle, que estará un tempo no Boiro, pero, así a todo, o Outes gañará en 1977 o que ficara pendente, a Copa da Costa e o Botafumeiro de Prata, póndolle un remate de ouro a unha época dourada.

50 anos despois, Barbazán estará a xogar con Andrés, Tuto, Carballo, Benavente e outros colegas das costas, acompañados por Pepe, Manolo e xa por moitos dos seareiros e das seareiras que desfrutaron daquela liga.

Porque, naquela primavera de 1976, a ledicia parou en moitos sitios, de Compostela á Checoslovaquia; mais en ningún foron máis felices ca nós nas terras de Outes, grazas ó fútbol e grazas a un equipo indelébel.

Rofemar - Calendario Liga da Costa 1975-1976

  • Xosé Carlos Gz Anhón (Publicado orixinalmente na revista Terra de Outes, n.º 74, abril-xuño de 2026)

 

áis artigos de Xosé Carlos en QPC

Comentarios