mércores. 17.12.2025
El tiempo

O escritor de Camelle Anxo Mouzo presenta en Camariñas a súa novela xuvenil ‘A princesa Dourada’

Cartel A Princesa Dourada
O escritor de Camelle Anxo Mouzo presenta en Camariñas a súa novela xuvenil ‘A princesa Dourada’

Anxo Mouzo Moreira (Camelle, 2002) quere estrear, por todo o alto, a súa primeira novela. Despois de estudar no IES Manuel Murguía de Arteixo, e de gañar o premio do público no III Certame Literario de Microrrelatos Aliteraclara, viu que a literatura é un bo camiño. E por aí tirou, a piques agora de vivir un dos primeitos fitos da súa carreira.

Este sábado, 20 de decembro, ás 18 horas no Museo de Man de Camelle, presenta a súa primeira obra, a novela xuvenil "A Princesa Dourada" [Boadicea Editora].

"A Princesa Dourada" ofrece unha premisa orixinal que mestura a vida cotiá na Costa da Morte coa alta fantasía. A trama xira arredor de Xosé e Marica, dous veciños de Camelle que viven porta con porta. A súa vida tranquila, marcada pola afección de Xosé ao fútbol e a súa amizade con Marica, dá un xiro radical o día que ela cumpre quince anos.

Nese momento, descóbrese un segredo oculto durante anos: Marica non é unha rapaza común, senón a princesa do reino de Nihá, exiliada do seu fogar pola malvada raíña demo de Hangyo cando aínda era unha nena. As lendas profetizan que a princesa recuperará o seu trono grazas á súa intelixencia e unha vontade de ferro. Xosé, o seu fiel amigo, non dubidará en axudala, estando disposto a todo para cumprir ese propósito.

No acto estará acompañada do editor da obra, José Manuel Dopazo.

Comentarios