"Eu son Camariñas": música, terra e orgullo camariñán
Camariñas, as súas xentes, costumes e paisaxes son o centro polo que bascula esta historia na que unha canción é o seu fío conductor. A estrea da campaña promocional será este domingo na Casa da Pedra de Camariñas.
"Eu son Camariñas" é a historia ficticia de catro mozos camariñáns que forman parte dun grupo de música folk nunha gran cidade. O conxunto musical vive un momento de estancamento debido á falta de creatividade e os seus integrantes son conscientes delo. Pero todo volve a fluir cando unha das protagonistas da historia, xa de volta na súa casa, comeza a crear unha canción coa axuda inesperada dun utensilio propio de Camariñas: a almofada dunha palilleira.
Terra e música únense así en “Eu son Camariñas”, un novidoso programa promocional do Concello de Camariñas co propósito de poñer en valor a maior parte das características que definen ao concello camariñán. Promocionaranse a través deste programa as paisaxes e recunchos máis fermosos de todo o municipio así como a súa riqueza inmaterial e cultural pero, sobre todo, fomentarase mostrar a verdadeira faceta das xentes de Camariñas: tradición, cultura, empresas, sectores produtivos, asociacións e artesanía, emprendemento…
"O programa ten como cometido final o de reforzar na xuventude o orgullo de formar parte deste concello así como tamén de mellorar a imaxe de Camariñas hacia o exterior e, con elo, promover a volta dos camariñáns espallados polo mundo a esta terra chea de oportunidades", apuntan desde a organización. Para isto foron deseñadas varias actuacións básicas, entre as que destacar a creación dun video de promoción do programa “Eu son Camariñas, a páxina web www.eusoncamarinas.es na que se publicará o video e o programa; o blog/xornal da propia web no que se divulgará o día a día de “Eu Son Camariñas” así como as redes sociais do programa en Instagram, Facebook e Twitter. "Queremos facer algo que perdure na memoria de todos os camariñáns durante un tempo, máis alá de vídeos promocionais efímeros", apunta Diego Alonso, un dos creadores do proxecto.
Preestrea do videoclip
Despois de cinco meses de traballos será na tarde deste domingo 7 de abril, a partires das 18:00 horas, cando se celebre a preestrea do video-clip que constitúe o groso do programa "Eu Son Camariñas".
A este acto de presentación creado polo Concello de Camariñas, poderán asistir en primicia as 50 primeiras persoas que rechéen correctamente o seguinte formulario de inscripción. Nesta xornada de estrea, que se celebrará na Casa de Pedra de Camariñas, estarán presentes os creadores do video musical e os seus protagonistas, unha representación dos colectivos participantes no traballo así como unha comitiva composta por un selecto grupo de creadores audiovisuais que non quixeron perderse o evento. Así mesmo tamén estarán presentes os membros da corporación municipal coa súa alcaldesa Sandra Ínsua á cabeza, que presidirá o acto.
A estrea oficial do programa "Eu son Camariñas" será realizada na Mostra do Encaixe de Camariñas e a ogarnización tamén ten previsto presentar este traballo nas escolas.