Man de Camelle xa ten casa no IES da Ponte do Porto

Estreou o seu curruncho Man de Camelle este venres no IES Pedra da Aguia, ese centro que vai recuperando paseniñamente a súa frenética actividade socio-cultural. Fíxoo coa inauguración da súa escultura sedente, rematada a través dun proxecto levado a cabo desde o departamento de Plástica e coordinado polo seu profesor Javier Brey. Inicialmente estaba pensado para mostrar as proporcións do corpo humano ao seu alumnado e finalmente converteuse nunha auténtica obra de arte.
A obra empezárona os alumnos fai 4 anos pero o COVID impediu que non vise a luz ata agora. A particularidade desta escultura, que si estivese de pé mediría 4 metros, é que toda ela está feita con materiais de refugallos: culleriñas e botellas de plástico, o pau dunha escoba, varias caixas de cartón, os envases dos tubos fluorescentes e papel de cociña. Todo iso ben encolado e con varias capas de pintura.
Unha pequena mostra fotográfica acompaña o proceso de creación deste novo Man, do mesmo xeito que un par de esculturas representativas do seu legado feitas con papeis de xornal e poliespan.
Aínda que o destino final da obra será a entrada do Instituto, tamén terá un carácter itinerante e poderá ser vista, previa solicitude ao Centro noutros lugares, entre eles o mesmo Museo Man de Camelle.
Ao acto de inauguración asistiu a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insúa, quen cortou a tradicional cinta, feita esta vez coas cores da bandeira ucraniana. Tamén estivo presente Verónica Magariños, responsable do Museo Man de Camelle, quen quedou impresionada polo traballo realizado.