O Museo do Encaixe xa forma parte da guía europea ‘Homo Faber Guide’
Agora, a plataforma dixital de ‘Homo Faber Guide’, a guía da artesanía máis representativa de toda Europa, xa recolle a ficha do Museo do Encaixe de Camariñas.
O proxecto www.homofaberguide.com ten como obxectivo destacar aos mellores artesáns de Europa e a aqueles museos, galería, obradoiros e tendas máis relevantes do sector, así como facilitar as alianzas dentro da comunidade. É unha plataforma moi atractiva visualmente, na que cada referencia ou institución ten a súa propia páxina con fotos, texto sobre a súa actividade e datos útiles (localización, horarios, etc.).
“Continuamos co noso proceso de internacionalización do encaixe a través da inclusión do museo neste proxecto” destacou a concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, que explicou que “queremos que se converta nun foro de contacto para a comunidade de artesáns pero tamén nunha ferramenta para difundir a artesanía entre o público interesado”.