O BNG denuncia que a Xunta esquece á Costa da Morte nos Orzamentos de 2017
O BNG da Costa da Morte amosa un rotundo rexeitamento a uns presupostos da Xunta que discriminan aos concellos da comarca, nomeadamente Cee, Corcubión, Carnota, Fisterra, Camariñas, Muxía, Vimianzo, Zas e Dumbría.
”Este proxecto de lei amosa, ben as claras, que temos un presidente da Xunta e uns conselleiros, para os que a Costa da Morte só interesa partidistamente en períodos electorais, pero non así cando toca realizar investimentos reais”, denuncia o voceiro Serxio Domínguez. “Non fai moitas semanas Feijoo paseaba o seu barco polos portos desta comarca prometendo proxectos, pero pronto nos demostra que o Partido Popular non ten proxecto para a Costa da Morte e descoñece as súas necesidades e cales son as carencias dunha zona onde a realidade social e económica amosa cifras moi negativas”.
”Sectores coma a pesca, o tecido industrial, ou o sector primario e de servizos, veranse aínda máis perxudicados”, sinalan.
Concretamente consideran que “as inversións en Fisterra, saneamento dunha rúa e dique de abrigo, non son mais que investimentos para liquidar o que xa foi licitado no ano pasado”.
Hai varias partidas para a Autovía nos orzamentos, “unha para pagar a cota da autovía, algo que non podía ser doutro xeito, logo de apostar pola vía de financiación privada para a execución da infraestructura”. E outra “para o proxecto da súa ampliación ate Vimianzo, cinco únicos quilómetros, o que a todas luces é insuficiente. A autovía de be ser rematada até Cée para enlazar coa vía a Fisterra e incluir a variante ao porto de Brens”, denuncian.
Pola contra, “que non exista unha previsión de investimento para mellorar o hospital comarcal, ou para construir os centros médicos que tanto tempo levan prometendo, é unha vergoña. Igual para os centros educativos e fondos sociais e de dependencia”.
Fonte
- BNG da Costa da Morte.