xoves. 15.05.2025
El tiempo

A Universidade Popular de Corcubión lanza un completo proxecto transmisión da lingua na poesía popular

Debuxo de Yas de Luaces das Xavinanas de Corcubion
Debuxo de Yas de Luaces das Xaviñanas de Corcubión
A Universidade Popular de Corcubión lanza un completo proxecto transmisión da lingua na poesía popular

Completo proxecto transmisión da lingua na poesía popular o que lanza a Asoc. Universidade Popular de Corcubión, co gallo das Letras Galegas 2025. Son varias as accións que levará a cabo, co apoio da Deputación, en Corcubión, Cee, Fisterra, Muxía e Zas, para servir de recoñecemento ao papel das mulleres galegas que foron as grandes transmisoras non só de cantigas en galego, senón de lendas, historias de vida das mulleres: bailes, matrimonios, fillos e fillas, violencia, abusos.

A entidade corcubionesa procederá a dar a coñecer este proxecto en varias localidades das comarcas de Soneira e Fisterra, iniciando as presentacións neste mes de maio. O venres 16 en Muxía, en colaboración coa asociación “Xervasio Paz Lestón”, e o sábado 17 en Corcubión, da man co Concello de Corcubión. En vindeiras semanas haberá tamén presentacións en Fisterra, Cee e Zas, en datas que a Universidade Popular facendo públicas.

As actividades inclúen actuacións dos grupos “As Xaviñanas” e “As Rinchonas”, da Universidade Popular de Corcubión, que cantarán as letras recollidas por Alan Lomax, que son as que teñen maioritariamene As Xaviñañas no seu repertorio.

Letras Galegas en Corcubion e Muxia coa Universidade Popular

Unha ollada histórica

A entidade aproveita para facer memoria:

Desde o punto de vista histórico, as primeiras recollidas de poesía popular corresponden aos ilustrados do século XVIII, nomeadamente ao Padre Sarmiento (1695-1772) e ao Padre Sobreira (1746-1805). O primeiro, que tamén foi bandeirante na defensa e reivindicación da lingua e no seu estudo lexicográfico e etimolóxico, dicía, que en cada muller da Galiza habitaba unha verdadeira poeta. E a mesma ou parecida impresión sería a que manifestarían un século máis tarde Augusto González Besada (1865-1919) ou Manuel Murguía (1833-1923), autores que ficaron fascinados pola figura feminina como creadora e legataria de poemas e cantos tradicionais e pola propia poesía popular. Neste sentido, o pobo galego pode estar ben orgulloso da cantidade e da calidade desta tipoloxía de literatura, cuantitativamente abrumadora: calcúlase uns 30.000 textos poéticos, uns 80.000 refráns e proverbios e unhas 1.500 narracións. A presenza de tal expresión artística, en que o canto tradicional se converteu nun dos máis salientábeis modos de reproducir as poesías orais, levou investigadores como Xaquín Lorenzo (1907-1989) a sinalar o grande impacto que tiña no mundo rural.

Foi tamén no século pasado, na década do anos 50, cando o musicólogo estadounidense Alan Lomax realizou unha recompilación de cancións na Vila de Corcubión a un grupo de mulleres coñecidas como “As Xaviñanas”: Juana, Manuela (Lela) e María (Maruja) Lema Santos e María Lorenzo Vigo, rexistrando o seu particular xeito de cantar e así un legado que perdurará para sempre.

Este legado estase poñendo en valor pola Asociación “Universidade Popular de Corcubión”, e grazas ao labor do mestre Miro Regueira, transmitido a través dos diversos grupos e en particular das xoves pandereteiras “As Xaviñanas”, que recollen o seu nome, e “As Rinchonas”, que levan o nome do “berro” que emitían entre cantadas.

Para poñer en valor a lingua desas cantadas, o que transmiten sobre a vida na contorna, o medio natural, a sociedade, etc, nace este proxecto, organizando unha serie de actos en que se demostre o valor desas recollidas, se valorice o traballo feito, mais tamén a enorme importancia de continuar coa súa transmisión na sociedade actual e que o fagan tamén nesta época maioritariamente mulleres.

Universidade Popular Corcubion transmision oral

Máis novas

Comentarios