As recollidas de lixo mariño instálanse nos programas escolas dos Coles de Camariñas

Espectacular o traballo da Asociación Mar de Fábula, que está conseguindo meter nos centros escolares de Camariñas as sesións de recollida de lixo mariño e reciclaxe. Desta volta foron uns 20 escolares do 4º curso de primaria do CEIP da Ponte do Porto, con edades entre os 9 e 10 anos, os que se achegaron ao Centro de Actividades Ambientais de Mar de Fábula en Camelle.

Primeiro tocaba recollida de residuos de lixo mariño ao longo da praia. E a pesar de que apenas 4 días antes estiveran os cativos do CEIP de Camariñas recollendo os plásticos no mesmo areal, as liñas de marea marcadas polo argazo estaban cheas de lixo plástico miudo e “plastiquiños” (microplásticos), “o que confirma que o mar está enfermo, ten as feridas abertas polo maltrato que lle temos dado e por elas, está sempre a supurar detritos plásticos”, reflexionan conxuntamente os monitores de Mar de Fábula coa rapaza.

Ao remate da limpeza e clasificación do lixo, os nenos e nenas foron andando cara ás instalacións de Mar de Fábula onde merendaron na terraza e participaron na minicharla e obradoiro no interior do local. Tres horas máis tarde, o autobús recolleunos na porta para levalos de volta, todos contentos por ter disfrutado dunha mañá diferente, á súa escola na Ponte do Porto.

Novas relacionadas