A mocidade comprometida vence ao lixo de Nemiña
Enorme resposta ao chamamento da Asociación Xuvenil Comarea e Már de Fábula para limpar a praia de Nemiña. Máis de medio centenar de persoas, de diversas procedencias pero co mesmo obxectivo e coas mesmas gañas de actuar, dividíronse por todo o areal para tratar de limpar, unha pizquiña, a desfeita que xera o lixo humano nos océanos.
E comprobaron a forza que ten o colectivo, e marcharon cheos de esperanza de que este mundo se pode cambiar con vontade.
Conciencia
Pero ademais da limpeza, a outra pata fundamental destas limpezas é a concienciación do respecto á natureza. ”Eu creo que marchamos todas persoas de alí con ilusión e contentas, eu polo menos, con moitas ganas de seguir protestando e actuando”, sinala Lucía Alcaina, unha das convocantes, consciente de que “é moi importante que nos concienciemos e actuemos, porque o que se atopa nas praias é unha salvaxada, non pode ser, e de pouco serve facer recollidas puntuais en praias se non protestamos en terra. O cambio ha de vir destas dúas bandas”, apunta.
Lixo, lixo, lixo
Se ben dende arriba o areal parecía bastante limpo, a cantidade de lixo recollido sorprendeu á maioría. Moito plástico, especialmente perigoso pola posibilidade de entrar na cadea trófica da fauna mariña. Non deixa de sorprender que case 20 anos despois sigan aparecendo galletas de chapapote…
Esta limpeza tiña como novidade a análise pormenorizada do lixo recuperado, para enviarllos a Ocean Conservancy para a súa consolidación a nivel mundial:
- Espumas de porexpan e poliuretano = 580 anacos todos os tamaños (microplásticos a 50 cm.)
- Envases e botellas de plástico = 257
- Anacos de tela+papel+cartón = 23
- Anacos plástico blando = 562
- Anacos plástico ríxidos = 610
- Cabichas = 135
- Paos plásticos das bateas do mexillón = 57
- Residuos lixo-retrete ( bastonciños algodón+ aplicadores tampón ) = 171
- Cordas+cordeis+aparellos des pesca = Unha morea de aprox 20 kilos de peso.
- Solas de zapato + deportivas = 7
- Cabichas = 137
- Botellas vidro+ anacos rotos = 7 + 1 bombilla
- Máscaras = 7
- Latas bebidas = 8
- Galletas de chapapote = 40
- Tapóns plásticos de botellas = 122
- Chisqueiros = 6
- Rodillos de pintura = 2
- Nasa portuguesa = 1
- Un corte de tubería PVC de 50 x 70 cm de diámetro.
- Unha defensa de coche.
- Milleiros de microplásticos de todas as orixes.
- Restos de un big-bag desenterrado con enorme esforzo.
- Fora da mostraxe, sen tempo para clasificar = 2 sacos de 100 litros cheos de lixo plástico misceláneo.