xoves. 16.07.2026
El tiempo

Sefy Carril, ‘Camariñana do Ano’

Sefy Carril Camariñana do ano 2026 tamaño grande
Sefy Carril Camariñana do ano 2026 tamaño grande
Sefy Carril, ‘Camariñana do Ano’

Arrincaron as Festas do Carme de Camariñas, e fixérono coa entrega do recoñecemento da Camariñana do Ano. A recoñecida veciña e reporteira local Sefy Carril Rodríguez convértese na primeira muller en recibir esta distinción,

A simbólica homenaxe tivo lugar na Praza da Insuela, onde a vila amosou o seu agradecemento a esta querida e coñecida por todos pola súa inesgotable implicación na vida social, deportiva e cultural da vila, así como polo seu labor como reporteira espontánea, retransmitindo en directo a través do seu teléfono móbil cada evento e actividade que ten lugar no municipio.

Durante o acto, que congregou a numerosos veciños e visitantes na praza, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, dedicoulle unhas sentidas palabras á galardoada, poñendo en valor o seu traballo na sombra e a súa disposición constante para colaborar coa comunidade.

"Hoxe é un día histórico. Por fin, e despois de tantas edicións entregando o premio, hoxe temos o inmenso orgullo de cambiar a vogal e dicir, con todas as letras: Camariñana do Ano. Xa era hora de que o galardón recaese nunha muller", reivindicou a rexedora no seu discurso. A alcaldesa quixo destacar a figura de Sefy como un alicerce fundamental para o pobo: "É desas persoas marabillosas que, case sen darse conta, pasou a ser absolutamente indispensable no día a día. Cando hai calquera evento e non a vemos, todos empezamos a preguntarnos: 'Onde estará Sefy? Pasaríalle algo?'. E a resposta é sempre non; se Sefy non está alí é porque está noutro sitio axudando: botando unha man no fútbol, colaborando cunha comisión ou traballando arreo onde faga falta".

Camariñana4 en tamaño grande

Ademais, Sandra Insua agradeceu publicamente o seu papel como difusora do patrimonio e da cultura de Camariñas a través das redes sociais. "Coa túa naturalidade e a túa espontaneidade, estás a facer un traballo impagable: difundir o noso patrimonio e conectar aos que están lonxe coa súa terra. Grazas, Sefy, por facer visible a vida sinxela do noso Camariñas", concluíu a alcaldesa, felicitando tamén á Comisión de Festas do Carme polo enorme acerto na súa designación.

Tras a ovación á nova Camariñana do Ano e a entrega do galardón, a xornada festiva continuou enchendo de cor e tradición o centro da vila. Dende a mesma Praza do Concello, deuse saída á espectacular Mini Danza de Arcos. Os máis pequenos e pequenas do municipio foron os encargados de tomar a testemuña, demostrando que o relevo xeracional das tradicións mariñeiras da vila está máis que garantido.

Comentarios