Venres. 19.04.2024
El tiempo

A XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas xa ten programa

A XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas xa ten programa

Cartel da Mostra do Encaixe Camarinas 2019Este venres presentouse oficialmente o programa desta XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas, que terá lugar do 17 ao 21 de abril. Unha mostra que volverá mesturar tradición e moda, convertindo unha artesanía centenaria nun elemento da máis moderna vangarda estilística.

A apertura da Mostra terá lugar o mércores 17 ás 15 horas, coa actuación do grupo de gaitas ‘Con todo en banda’ pero a inauguración oficial coas autoridades non será ata as 17 horas.

Durante os cinco días un total de 10 firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’ subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Este ano contaremos coa presenza de Amaya Fernández, Ana Cabranes, Claudina Mata, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, Lalacó Atelier, Sara Lage, Twin and Chic e Noriko Hashizume.

A Mostra xa é recoñecida e admirada internacionalmente. O domingo 21 ás 13 horas terá lugar o desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’ que este ano proceden de Bélxica, Bulgaria, Croacia, Estonia, Francia, Inglaterra, Italia, Japón, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suiza.

”Jóvenes Diseñadores”

Ademais, terá lugar tamén o ‘XXVI Concurso de Jóvenes Diseñadores’ no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 29 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. Son 15 escolas de moda as que participan, con deseñadores procedentes de toda Galicia, Portugal, Asturias, Barcelona, Sevilla, Granada, Baleares, Zaragoza, Alicante e Madrid.

Desfiles de pequenos e maiores

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As 50 nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos.

O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o xoves 18 ás 12:30 horas e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.

Música entre outras actividades

Este ano os asistentes poderán gozar da música de Guadi Galego (xoves 18 ás 19:15 despois dun dos desfiles de ‘Grandes Deseñadores’), da obra de teatro ‘Recreación das antigas palilladas’ (xoves 18 ás 17:15 horas e venres 19 ás 19:45 horas), do encontro entre grandes e noveis deseñadores (sábado 20 ás 20 horas), do IV Encontro de Corais no que participarán Abaladeiras de Muxía, Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco e Coro Brisas do Mar presentado por José Luis Blanco (domingo 21 ás 11:15 horas).

Ademais, do 15 ao 19 de abril celebrarase o ‘Campamento Náutico Encaixe Axul’ con actividades de vela lixeira, windsurf, kayak, obradoiros... Durante toda a Mostra tamén haberá stands gastronómicos e demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.

A clausura da XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 21 ás 20:30 horas e estará presentada por José Luis Blanco e Lucía Pérez.

Comentarios