Sábado. 05.10.2024
El tiempo

O 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despídese este martes cun Premio Nacional de Teatro Andrés Lima

La comedia de los errores 1
La comedia de los errores
O 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despídese este martes cun Premio Nacional de Teatro Andrés Lima

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, despídese coa programación do derradeiro espéctáculo desta 32ª edición. Mañá martes, 31 de outubro, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura acollerá, no marco do Programa de sala, a representación de La comedia de los errores, dirixida polo laureado Andrés Lima. O director, recoñecido, entre outros, con numerosos galardóns Max e co Premio Nacional de Teatro 2019, regresa a Carballo logo da función de Prostitución, que se puido ver no FIOT en pausa de 2020.  

La comedia de los errores, producida polo Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, é unha divertida versión libre da comedia de William Shakespeare, á súa vez baseada nunha obra de Plauto, no que seis excepcionais actores -Pepón Nieto, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Rulo Pardo, Avelino Piedad e Estaban Garrido- interpretan un total de 24 personaxes. Enredos e equívocos, encontros e desencontros, débedas, xoias, cruzamentos danse cita nunha comedia ateigada de erros que se producen sen parar ata que o desastre se converte nunha festa que celebra a diversidade. 

Nesta peza, Andrés Lima constrúe un vertixinoso xogo teatral no que convidará ao público carballés a poñerse no lugar do outro e cuestionar os límites entre o verdadeiro e o falso. Con esta singular adaptación do texto do bardo inglés, o #FIOT32 pecha unha edición marcada pola diversidade e a excelencia, con voces persoais e singulares e dunha notable calidade artística. 

Alén da programación de exhibición, estes días o público todavía pode visitar as exposicións Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ e Zoom FIOT 2022, situadas no andar -1 e 0, respectivamente, do Pazo da Cultura. Finalmente, a actividade desta edición do #FIOT32 pecharase o vindeiro domingo 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, na que se dará a coñecer o nome dos grupos gañadores desta proposta escénica radiofónica dirixida, especificamente, ao alumnado de Bergantiños. Os audios quedarán pendurados na web do FIOT, www.fiot.gal, no apartado Onda FIOT.

AXENDA #FIOT32 | 31 DE OUTUBRO
Martes 31, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
La comedia de los errores, do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo

Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1)
Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

Todos os días, no Pazo da Cultura. Pazo da Cultura (andar 0)
Exposición Zoom FIOT 2022

Comentarios