O Castelo Rock abre este xoves unha nova edición do seu festival máis cercano
O Festival Castelo Rock inicia este xoves a súa XXII edición, reafirmando unha vez máis a súa aposta, dende a pasada edición, por un modelo de festival de proximidade, integrado na vila e pensado para vivir a música de preto.
Máis alá da programación musical, o Castelo Rock continúa reivindicando un modelo de festival diferente, no que a música convive coa vila, co comercio local e coa vida do seu centro histórico. Un proxecto cultural que, vinte e dous anos despois do seu nacemento, mantén intacta a súa identidade e segue demostrando que outra forma de facer festivais é posible.
Durante tres días, Muros converterase nun punto de encontro para a música en directo cunha programación que combina concertos gratuítos no centro histórico e actuacións no recinto principal da Praza do Mercado, reunindo artistas galegos, estatais e internacionais nun formato que continúa apostando pola calidade, a proximidade e a integración co territorio.
A programación arrancará este xoves, 6 de agosto, cunha xornada gratuíta no Curro da Praza. Ás 21:30 horas, Kondusión Kolérika será a banda encargada de inaugurar oficialmente o festival cun directo de punk rock cargado de enerxía, retranca e reivindicación. A continuación, ás 23:00 horas, será a quenda de True Mountains.
O venres, 7 de agosto, o Castelo Rock trasladará a súa actividade á Praza da Pescadería, onde Martín Human ofrecerá un concerto gratuíto ás 12:40 horas. Xa pola tarde, abriranse as portas do recinto principal da Praza do Mercado, que acollerá os concertos de XianPais, Viva Belgrado, os británicos Kid Kapichi e LAW, nunha das noites máis potentes da programación.
A xornada do sábado, 8 de agosto, comezará ás 12:00 horas coa proposta familiar "A Vida Tola", de Natalia Outeiro "Pajarito", na Praza da Pescadería. Ao mediodía, a música volverá ás rúas de Muros coa música de Tête de la Course, ás 13:00 horas, e Saraiba, ás 14:30 horas, ambos na Rúa Ancha.
Xa pola noite, o recinto da Praza do Mercado acollerá a última xornada do festival coa actuación da Orquestra Bravú Xangai, seguida dos concertos de Big Special, Parquesvr e Nadie González, pechando unha edición que reúne algunhas das propostas máis destacadas do panorama musical actual.
As entradas e os últimos abonos continúan dispoñibles en castelorock.gal/entradas.


