A fibra óptica tamén chegará a 7 parroquias de Carballo
De aquí a 2020, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), no seu Plan de Banda Larga 2020, ten previsto despregar a fibra óptica en varios núcleos de poboación de sete parroquias de Carballo. Unha reiterada demanda da veciñanza a través dos consellos parroquiais, que permitirá fixar poboación gracias á utilización,, nas casas, de redes ultrarrápidas que permitirán servizos de acceso a Internet de máis de 100 Mbps.
A compañía Telefónica de España S.A.conta cunha subvención da Xunta e o FEADER de 14,2 millóns de euros para ofrecer servizos de acceso á rede de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica en varios núcleos galegos, entre eles os de Quintáns e Vivente (Ardaña), A Ganduma, O Moucho e Vilarnovo (Berdillo), Queo de Arriba, O Requeixo e Loenzo (Bértoa), Cances da Vila (Cances), O Monte e Ponte Rosende (Carballo), As Torres (Oza) e Bolón e Guntián (Sofán).
Ademais, segundo indica, con cargo ás subvencións concedidas desde o Estado, están xa en curso actuacións que permitirán servizos de acceso ultrarrápido a Internet en Queo de Abaixo, A Rega e O Fondal (Bértoa), Cances Grande (Cances), e Arnados e Razo da Costa (Razo).