A Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo seguirá en marcha
Non cabe dúbida da súa gran labor na capital bergantiñá. E Deputación da Coruña vén de aprobar no último pleno provincial unha achega de 20.000 euros para o mantemento ao longo deste ano da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo (UAD). Con esta achega se financian gastos de persoal, produtos farmacéuticos e actuacións exteriores.
Esta unidade organiza programas de protección da saúde e presta servizo de atención e tratamento aos drogodependentes en distintos concellos da Costa da Morte como son: Camariñas, Fisterra, Malpica, Cee, Laracha, Muxía, Ponteceso, Coristanco, Laxe, Cabana, Vimianzo, Zas, Corcubión e Dumbría.
A Unidade, situada na Rúa Ambulatorio, no Edificio do antiguo Ambulatorio (Teléfono: 981 756 275) está en funcionamento dende 1994.
”Mellora do sistema xeral de abastecemento”
Ademais, o Concello carballés informou que o Consello Consultivo de Galicia apoia a proposta do Concello para a resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo. Anllóns-Bardoso”. Unha situación que se dá despois de comprobar que a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL e denominada "UTE Abastecemento a Carballo" incumpriu as súas "obrigas esenciais" á hora de executar o contrato e que, por unanimidade dos seus membros o Consello emite "un informe favorable á proposta de resolución”.
Unha vez emitido o ditame do Consello Consultivo de Galicia, agora a empresa pode presentar un recurso de reposición ou interpoñer un recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), así como emprender as medidas legais que consideren pertinentes. Porén, o Concello xa pode ratificar a resolución definitiva do contrato, o que espera poder facer na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local prevista para o luns 11 de agosto. Así mesmo, xa está en marcha o concurso para realizar unha nova adxudicación destes traballos, aos que optan un total de 17 empresas.
Fonte
- Concello de Carballo.