![obras-carballo-rua-fotografo-xose-vidal]()
As obras nas rúas Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela e Celso Emilio Ferreiro melloran a accesibilidade aos centros escolares
Nos vindeiros días as contornas dos
colexios Xesús San Luís Romero e A Cristina de Carballo mudarán por completo. No primeiro xa empeza a verse o cambio, xa que as obras na rúa que leva o mesmo nome que o centro están practicamente rematadas, como comprobaron onte o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e as concelleiras Belén Lendoiro e Milagros Lantes nunha visita á zona. Os operarios da empresa construcciones López Cao están preparando os aparcamentos, e practicamente só
quedan os traballos de xardinería e a instalación do mobiliario urbano, ao tempo que empezan a traballar tamén na rúa Fotógrafo Xosé Vidal para intentar que o groso do proxecto estea listo para o comezo do curso escolar.
A actuación que se desenvolve nestes momentos completarase cun segundo proxecto para as outras dúas vías perimetrais, co cal non só se mellorará substancialmente a accesibilidade para o alumnado e as familias que acoden a diario ao colexio senón que tamén se ordenará o tráfico rodado nese ámbito. Como na maior parte das intervencións urbanas que están a desenvolverse, o goberno municipal de Carballo optou por un modelo de plataforma única, con carrís de sentido único, grandes beirarrúas e áreas axardinadas, ademais de renovar, instalar ou deixar previstos todos os servizos soterrados (auga, saneamento, recollida de pluviais e redes de alumeado, electricidade, teléfono, fibra e gas canalizado) para evitar obras futuras.
O modelo que pode verse xa na contorna do CEIP San Luís Romero trasladarase tamén á zona do CEIP A Cristina. A corporación municipal aprobou no pleno deste luns o suplemento de crédito, con cargo ao superávit do ano pasado, que permitirá acometer, entre outros, este proxecto.
As obras previstas mudarán por completo a contorna do CEIP A Cristina, xa que se actuará en tres rúas: Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela e Celso Emilio Ferreiro. Como no caso anterior, o proxecto do arquitecto José Carlos Seoane González inclúe a instalación ou renovación de todas as infraestruturas dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, recollida de pluviais, rede eléctrica, telecomunicacións, gas e alumeado, que supoñen unha parte moi importante do orzamento. Tamén se optará por plataformas únicas segundo o modelo que pode verse na recreación anexa, e o tratamento en superficie complementarase coa instalación de mobiliario urbano e o axardinamento da zona. O orzamento acada os 343.781,85 euros.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo