As obras centran o primeiro consello parroquial de Sísamo
07:07 17/02/17
O pasado mércores celebrouse no centro social de Sísamo o primerio consello parroquial organizado polo concello de Carballo
A prolongación da obra da travesía ata Sísamo foi un dos principais temas que centrou a primeira xuntanza do Consello Parroquial de Sísamo celebrado o pasado mércores no centro social da parroquia. Por parte do concello de Carballo asistiron Maica Ures, en representación do BNG; Andrés Eirís, de Terra Galega, e o alcalde, Evencio Ferrero, que presidiu a sesión.
Os veciños e veciñas consideran imprescindible que as obras iniciadas no punto quilométrico 0 da estrada- na confluencia da avenida das Flores coa rúa Fábrica - teñan continuidade ata Sísamo. A este respecto, o rexedor informou de que por parte do concello xa se ten enviado o proxecto correspondente á segunda fase, que abranguerá ata o cruce da rúa Nacente, de acceso ao IES Monte Neme. Ferrero explicou que a Deputación da Coruña rebaixou o financiamento con respecto ao proxecto aprobado e adxudicado no seu momento (que non chegou a executarse), pero que dende o goberno municipal mantense a intención de seguir facéndoo por fases ata a igrexa de Sisamo.
As obras de infraestrutura viaria e hidráulica centraron a xuntanza. Evencio Ferrero comentou que o proxecto de mellora de todas as pistas asfaltadas da parroquia parouse polo tempo, pero que estarán listas nos vindeiros meses. Sobre os saneamentos de Figueroa e Outeiro, o alcalde sinalou que o proxecto do primeiro está xa feito, e que o segundo de momento non está previsto, entre outros motivos porque precisa bombeo.
A mellora da sinalización viaria e turística tamén é unha das preocupacións dos veciños e veciñas de Sísamo. Así mesmo, entre outras cuestións, preguntaron pola posibilidade de cubrir unha parte do patio da escola e de pintar un paso de peóns xunto á parada do bus escolar na Fontecaldeira. A próxima xuntanza do Consello Parroquial de Sísamo será o 8 de xuño.
Novas relacionadas
- Rematou superando espectativas a primeira fase de constitución dos 17 Consellos Parroquiais de Carballo
- 300 persoas xa forman parte dos Consellos Parroquais de Carballo.
- A metade das parroquias de Carballo xa teñen Consellos Parroquiais.
- Os pioneiros Consellos Parroquiais carballeses seguen formándose.
- Comezan as reunións en Ardaña e en Oza para a constitución dos Consellos Parroquiais.
- Agora/Ágora, unha proposta anónima de participación cidadá dende a Costa para o mundo electoral.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Concello de Carballo